Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Carballo incrementa os premios do concurso de Cachelas e do Descenso do Anllóns

Carballo incrementa os premios do concurso de Cachelas e do Descenso do Anllóns
descenso-anllons-2016 O concurso do Descenso do Anllóns discorrerá entre a ponte de Bértoa e o parque do Anllóns A comisión de festas do San Xoán aposta, un ano máis, por dúas actividades que se enmarcan dentro do cartel das festas por excelencia de Carballo que este ano se prolongan durante dúas fins de semana. Así, aumentará as contías dos premios e subvencións do concurso de Cachelas e do Descenso do Anllóns, que conmemoran este ano o seu 30 e 20 aniversario respectivamente. O seu obxectivo é potenciar o aumento da cantidade e da calidade das participacións. No Descenso do Anllóns repartiranse un total de 2.375 euros. Polo simple feito de participar, para as primeiras 25 embarcacións inscritas haberá subvencións de 40 euros - 10 máis que o ano pasado -. Esta cantidade pode incrementarse substancialmente, xa que haberá tres premios á embarcación máis orixinal de 300, 200 e 125 euros (este último tamén aumenta); dous premios de 200 e 100 euros para as tripulacións máis simpáticas; un premio de 100 euros, patrocinado por Alquileres Reneymar, ás probas de habilidade; outro, tamén de 100 euros e patrocinado por Casa Francisco, para a embarcación máis veloz, e a todo isto únenselle outros 250 euros que reserva o xurado para posibles accésits. Aínda que os premios poden ser un aliciente, no Descenso do Anllóns o que prima é a diversión. Os/as participantes percorrerán o tramo do río comprendido entre a ponte de Bértoa e o parque do Anllóns, ao longo do cal haberá varias metas voantes e deberán efectuar probas de habilidade. O concurso celébrase, como todos os anos, o 25 de xuño as 18 horas. O prazo de inscrición está aberto ata as 13 horas do día 20 no Museo de Bergantiños (981 702 077). Coa solicitude de participación os equipos deberán entregar a declaración, debidamente cuberta, que podedes descargar nos documentos adxuntos, onde tamén atoparedes as bases completas do certame. Concurso de cachelas O prazo do día 20 rexe tamén para o concurso de Cachelas, todo un clásico que leva tres décadas enchendo de animación todos os recunchos do casco urbano. Neste caso tamén se prevén subvencións de 20 a 50 euros para as vinte primeiras cachelas inscritas que non resulten premiadas e que reúnan un mínimo de calidade. O primeiro premio está dotado con 600 euros e todos os seguintes aumentan de contía. Así, o segundo pasa de 250 a 300 euros; o terceiro, de 175 a 200, e o cuarto, de 125 a 150 euros. Ademais, o xurado poderá outorgar accésits por un total de 200 euros (50 máis que o ano pasado). Concurso Instagram Ao igual que o ano pasado, a comisión de festas tamén convoca un concurso a través de Instagram co obxecto de elixir unha imaxe para a revista do ano que vén. Poderán participar todas as persoas que o desexen, que deberán enviar as súas fotografías relacionadas co San Xoán de Carballo ao enderezo electrónico [email protected], especificando datos de contacto do autor ou autora. Todas as fotografías serán publicadas no perfil de Instagram do San Xoán, e a que obteña máis votos será publicada na revista do ano seguinte.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios