Gerca e Autos Campio adquiren novas parcelas nos polígonos de Vimianzo e Muros
SEA vén de autorizar novas operacións nos polígonos de Muros e Vimianzo.
Primeiro, a venda da parcela M4-14, de 880 m², no parque empresarial de Muros, a Autos Campio, empresa de venda e reparación de vehículos, que está a ampliar as súas operacións, reforzando así a presenza de actividades industriais e comerciais no parque e contribuíndo ao desenvolvemento económico da comarca.
Ademais, Gerca Acero y Metal foi adxudicataria de dúas novas parcelas (B1 e B2) no parque empresarial de Vimianzo. Unha parcela mide 1.192,53 m² e a outra 1.199,80 m², suman un total de 2.392,33 m². Gerca xa ten presenza no parque industrial e, depositando unha vez máis a súa confianza en Vimianzo como localización estratéxica, continúa a súa constante expansión, consolidando as súas operacións e reforzando o dinamismo do parque empresarial.
Proposta para a licitación do plan de urbanización, parcelación e expropiación na Laracha
O Concello tamén aprobou a proposta para a licitación e contratación do proxecto de urbanización, expropiación e parcelación para a ampliación do parque empresarial da Laracha. Tras a aprobación do Plan Estrutural, iniciarase a fase de planificación urbana, que incluirá a redacción e tramitación dos proxectos correspondentes, que se licitarán en breve.
Esta actuación permitirá a realización integral da ordenación do solo e abrirá novas oportunidades para que as empresas se establezan no parque industrial. Con este traballo, SEA está a sentar as bases para a ampliación do parque, fomentando o crecemento empresarial e a creación de emprego na comarca.
A ampliación do parque empresarial da Laracha abarcará unha superficie de 338.629 metros cadrados, elevando a superficie total do parque industrial a máis dun millón de metros cadrados. A ampliación realizarase nunha única fase, en terreos próximos ao parque existente, entre as localidades da Torre e Samiráns, e incorporará novas infraestruturas e servizos.



