Carballo prepárase para recibir ás mellores orquestas para o San Xoán
08:05 01/06/16
El Combo Dominicano, La Fórmula, Israel, Los Trovadores e a orquesta Trebol traen os seus espectáculos ao San Xoán de Carballo
Chegou o mes do #SanXoán así que Carballo vai desvelando pouco a pouco as principais novidades da súa festa por excelencia. Segundo informan dende a organizació o rock, o pop, a música disco, a música galega, bandas, corais, os ritmos latinos... e as mellores orquestras do momento encherán de animación a vila durante todo o mes de xuño. A colaboración entre o concello de Carballo e un grupo de empresarios dos sectores da hostalería e a distribución farán posible a presenza de El Combo Dominicano, unha das orquestras con máis seguidores do momento, xa na noite do día 11. Será un sábado noite diferente, cos sons latinos tan característicos do Combo enchendo a praza do Concello e anticipando unhas festas patronais espectaculares.
En Carballo tamén actuará a orquesta La Fórmula, que está arrasando enriba dos escenarios. A mestura dunha iluminación impresionante, un son magnífico, boa música e un repertorio amplo e variado son as claves do éxito da orquestra do momento, que está a conquistar tanto ao público máis adulto e tradicional como á mocidade grazas a unha posta en escena moderna, atrevida e de máxima calidade musical e artística.
Os artistas do momento
Detrás de La Fórmula, de feito, hai artistas cunha traxectoria contrastada. Entre eles Jorge Ferre, un auténtico showman que foi a voz de Panorama durante catorce anos, que está recoñecido como o artista máis completo e brillante do “mundillo” e que xa é a estrela de La Fórmula. O seu compañeiro vocalista Miguel Caldas atesoura tamén un currículo excepcional que inclúe orquestras como a París de Noia ou a Filadelfia. Nesta última e no Combo estivo tamén Deivy Melaza, terceira voz masculina de La Fórmula. A cuarta é a de Jonathan Perdomo, outro artista que deixou pegada en varias orquestras de primeira liña e que se sumou tamén a este novo e ambicioso proxecto musical. As voces femininas son as de Yenina Alonso, que formou parte de conxuntos como Filadelfia e Jerusalem, e Diana Gago. Fran Moreiras, teclista e director musical; Suso Peón, guitarra; Iván Pla, batería; Yanko Tortolo, percusionista; Ely Zapata, baixo; Miguel Baeza, saxo e arreglista; J. Padilla, trompeta; Gregorio “El Poyo”, trompeta, e Eduardo Kindelam, saxo, completan o extenso equipo artístico de La Fórmula.
Con 14 músicos, a orquestra compostelá Israel chegará a Carballo disposta a facer honra ao seu “apelido”, espectáculo. Cun primeiro pase dirixido aos amantes do baile, con rumbas, cumbias e merengues, principalmente, e unha segunda parte máis movida e moderna, o éxito está asegurado. Israel destaca polas súas interpretacións de rock, house e tecno, que conquistarán ao público máis novo.
Catorce son tamén os membros de Los Trovadores, unha orquestra con máis de 80 anos de historia que sigue enchendo os seus concertos con música para todos os públicos. E en Carballo non podía faltar a achega local. Aínda que naceu en Ferrol hai 67 anos, a orquestra Trébol hoxe pódese considerar carballesa. De Carballo son o seu director, Javier Bardanca, e unha das vocalistas, María Jesús, que ademais é a muller de Javier. A calidade e a elegancia son os sinais de identidade da súa música.
Calendario de verbenas
- El Combo Dominicano: Sábado, 11 de xuño, ás 23:30 horas na praza do Concello
- Trébol: Xoves, 23 de xuño a partir das 23 horas na praza do Concello
- Los Trovadores: Venres, 24 de xuño ás 00:30 horas (despois do concerto de Carlos Baute) na praza do Concello
- Israel: Sábado, 25 de xuño entre as 23 e as 02:00 horas na praza do Concello
- La Fórmula: Domingo, 26 de xuño a partir das 23 horas na praza do Concello
- Carballo abre o prazo do concurso de cachelas e do descenso do Anllóns
- A Festa do Bosque de Carballo trasládase ao 1º domingo de xullo
- Un cartel asturiano-alicantino para o San Xoán carballés
- O #SanXoán de Carballo busca cartel
- O #SanXoán carballés colle forma para 2016
- Un San Xoán que é un privilexio.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo