Cee, Carballo, Muros e Vimianzo acollerán ata fin de ano 31 obras da Rede Galega de Teatros ata
Arrinca o segundo semestre cultural promovido pola Rede Galega de Teatros e Auditorios. E as 4 salas costeiras acollerán 31 actuacións escénicas. 10 terán lugar en Carballo, 8 en Muros, outras 8 en Cee e 5 en Vimianzo.
A programación do segundo semestre deste circuíto cultural, organizado en colaboración cos concellos, arranca esta fin de semana con música en Cee. Así, o venres a Praza da Muller acolle ás 21,30 horas o concerto de NostálgicA. O grupo formado en 2020 por Diego Piñeiro (guitarra e voz), Carla Romalde (voz), Luis Fernández (batería) e Lupo (baixo), fai versións de artistas como Bonnie Tyler, Los Secretos ou Joaquín Sabina, entre outros.
As restantes actuacións previstas en Cee realizaranse no último trimestre do ano, con teatro e novo circo. O 12 de outubro Talía Teatro representará A parábola do angazo e, o 27 de novembro, Tarabela Creativa, Divas de diván. Tamén neste mes, o día 20, chegará a Cee o espectáculo Sen restricións, coas humoristas Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.
O ano péchase en Cee con diversas funcións dirixidas especialmente ao público infantil, como o de novo circo Globotolo, da man de Barafunda, previsto para o 23 de decembro. O 26 será a quenda de Malasombra Producións, con Os fabulosos Cleaners, o 28, do Titiribaile, con A volta ao día en 80 mundos, e o 29, de Galitoon, con Güela-Güela. Todas estas funcións terán lugar no Auditorio da Casa da Cultura.
En Carballo
Xa o día 1, chega ao Pazo da Cultura de Carballo Talía Teatro coa estrea A parábola do Angazo, mentres que o 9 o fará Contraproducións, con Cigarreiras, e o 23 Voadora con Othello. O Mercado Municipal acollerá senllos espectáculos de monólogos, con Xosé A. Touriñan, o día 8, e Luis Piedrahita, o 12. Neste mes haberá tamén novo circo con Ikigai de SU.MA. Será na xornada do 15 na Praza do Concello.
As funcións de decembro comezan con A viaxe da mina, de Maio Creacións, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa o día 15. Como peche, o Pazo da Cultura será o escenario para Pinocchio, de Ghazafelhos, o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona e Orfeo, de La Canica, nas xornadas dos 28, 29 e 30.
En Muros
Xa en Muros, o Centro Cultural e Xuvenil acollerá os sábados 9, 16 e 23 de outubro O premio, de La Quintana, O Camiño de Santiago, de EducaTeatro Producións, e Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións. En novembro será a quenda da danza, con Bailar agora, de Marta Alonso Tejada-Traspediante, o día 6. Na xornada do 13 volverá o teatro co Quixote de Pedras de Cartón.
Finalmente, en decembro, ademais da peza teatral Tres vellas, de Producións Teatráis Excéntricas, o día 11, haberá novo circo da man de Teatro ao cubo, con Ghop, e Xampatito Pato, con Só. Estes últimos espectáculos están previstos para o 18 e o 30, respectivamente.
En Vimianzo
Vimianzo arranca tamén a programación do segundo semestre en outubro e faino o 16 con Dreaming Juliete de Elefante Elegante. O 30 dese mes será a quenda de Cigarreiras, de Contraproducións. O 13 de novembro chega Teatro do Noroeste con Gloria Nacional e en decembro farao a danza, da man de iXa Universos de Movemento con Pioneras, e novamente o teatro, con Estrela do día, de Producións Teatráis Excéntricas. Todas as funcións terán lugar no Auditorio.