Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os centros educativos da Costa da Morte impóñense no concurso de Turismo Escolar da Deputación da Coruña

IMG_6300
O deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, fixo entrega esta semana dos premios.
Os centros educativos da Costa da Morte impóñense no concurso de Turismo Escolar da Deputación da Coruña

O deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, fixo entrega esta semana dos premios dunha nova edición do concurso de Turismo Escolar, que ten como obxectivo  fomentar o coñecemento do territorio e o seu patrimonio tanto artístico como natural.

Na categoría de Educación Infantil, a gañadora foi Dolores Arjomil  e o segundo premio foi para Juan Millares, os dous do Eusebio da Guarda da Coruña. Na modalidade de Educación primaria, Matías Gende Gómez do Fogar Villa de Ordes de Carballo fíxose co primeiro premio e o seu compañeiro de centro, Anxo Vila Rey fíxose co segundo posto do concurso.

Finalmente, en Educación Secundaria, o primeiro premio foi para Erika Blanco Novegil do IES Pedra da Guía de Camariñas e o segundo para Oliva Canedo, do IES Agra de Leborís da Laracha.

"Con esta iniciativa buscamos, por unha parte, incentivar o coñecemento do patrimonio artístico, histórico e natural por parte do alumnado dos centros de ensino e, pola outra, que ese "turismo" sexa participante, é dicir, provocar que as visitas deixen pegada", destacou Xosé Regueira.

O programa de Turismo Infantil da Deputación da Coruña está dirixido a escolares de entre 4 e 16 anos, tanto a través das visitas para coñecer o patrimonio cultural e natural como no concurso. Na iniciativa ofértanse cinco rutas para coñecer o patrimonio ao vivo, da pegada romana no Mandeo ás testemuñas de pedra no Castelo de Vimianzo, pasando polo achegamento á tradición da olería en Buño. A esta oferta deseñada pola Deputación incorporáronse recentemente os recursos ofertados polos concellos.

As rutas propostas pola Deputación camiñan por algúns dos máis interesantes destinos para vivir a historia e coñecer o patrimonio máis próximo. En "Testemuñas de pedra" percorrerán o Pazo das Torres do Allo e o Castelo de Vimianzo, "Ritual e tradición", nace coa idea de coñecer a tradición da olería no Ecomuseo Forno do Forte en Buño e a historia no Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. De escolleren a ruta "Romanos no Mandeo" visitarán o Centro de Interpretación de Teixeiro (Curtis) coa súa dupla función, divulgativa, a través do centro de interpretación, e formativa, xa que o centro acolle cursos, obradoiros e serve como albergue. Por último, "O segredo do Eume", ofrece rutas que atravesan o corazón das Fragas do Eume, e que lles permitirá aos pequenos descubrir a historia do Mosteiro de Caaveiro e "O bosque animado", que percorre o Pazo de Mariñán e a Casa de Wenceslao Fernández Flórez autor da obra do mesmo nome localizada ao redor da súa casa, ás portas do encoro de Cecebre. As propostas están abertas a que cada centro de ensino introduza modificacións no itinerario e mesmo combine os máis apropiados para os seus intereses educativos.

O Museo etnográfico da Capela, a ecoescola das Pontes, Santo André de Teixido en Cedeira, o castelo de Moeche, o Museo do Mar de Laxe, o Museo do Humor de Fene, a ruta Pondaliana, a Fraga do Eume en Pontedeume, o Muíño de mareas de Muros, a Casa Museo de Manuel Antonio ou a horta de froitas autóctonas en San Sadurniño son algúns dos recursos que se incorporaron á oferta despois de que a Área de Turismo da Deputación convidara aos concellos a sumar os seus recursos históricos, patrimoniais e naturais ao catálogo de Turismo Escolar que se lles ofrece aos distintos centros de ensino da provincia.

Comentarios