Luns. 03.08.2020
El tiempo

As cifras, e as caras, femininas das fábricas de Cee e Dumbría

Tania López, María Couto e Cristina Guerrero son traballadoras de planta en Ferroatlántica (XEAL)
Tania López, María Couto e Cristina Guerrero son traballadoras de planta en Ferroatlántica (XEAL)
As cifras, e as caras, femininas das fábricas de Cee e Dumbría

A presencia da muller nas fábricas de Cee e Dumbría medra. Segundo a nova dirección de XEAL, a cantidade de empregadas creceu un 21% durante a última década e multiplicouse por sete desde o ano 2000, sendo a día de hoxe un 9% da plantilla da empresa. En todo caso, os datos tamén sinalan que dese 9%, só o 2% traballa en produción e 7% en administración, polo que o camiño por percorrer aínda é moi longo.

Lembran dende a empresa que o ano 2005 foi chave, pois foi cando as mulleres empezaron a acceder a postos de responsabilidade. Porén, non foi ata 2008 cando comezaron a integrarse nas tarefas de produción, históricamente reservadas aos homes. Poñemos 4 exemplos:

Tania López Iglesias incorporouse a Ferroatlántica en 2006, e a súa vinculación vén de lonxe, poisa súa avóa e a súa bisavoa foron carretilleras da compañía. Comezou no departamento de Administración para, posteriormente, pasar a desempeñar un posto en Produción. "Cando empecei, díxenlles que me colocasen no departamento que quixesen, porque eu o que quería era traballar. As condicións son as mellores que podo atopar", explica.
Agora, Tania López traballa como gruísta na ponte-guindastre de materias primas e asegura estar "contenta" no plano profesional. "XEAL ten unha cousa moi boa e é que hai flexibilidade para conciliar a vida laboral coa persoal". Filla de emigrante, o seu maior anhelo era "quedarme en Cee, porque para min a familia é un dos valores máis importantes".

Outra cara visible na planta é Cristina Guerrero Vigo, traballadora dende 2008. Comezou como pupitrera. "Estaba no sector da hostelería e, despois, tiven a oportunidade de entrar na fábrica. En canto a horarios, isto é outro mundo. Aquí sei que teño que cumprir as miñas 8 horas, pero despois esquézome e podo conciliar a miña vida familiar". "Hei ter sorte desde os meus inicios cos meus compañeiros; aquí, as mulleres temos as mesmas oportunidades que os homes. Estou contenta e oxalá que siga moitos anos na compañía", agrega.

María Couto incorporouse á compañía fai uns meses; ostenta o cargo de directora corporativa. "O proxecto de XEAL é moi atractivo, por iso decidín unirme a el e cambiar a miña vida e a miña carreira laboral en Estados Unidos. Existen uns valores moi claros entre os que figuran a igualdade e a conciliación da vida familiar e laboral, dous apartados nos que traballarei cada día co afán de seguir mellorando", comenta.

Pola súa parte, Esther Adroher, é membro do Consello de Administración da empresa, afirma que "o Consello de Administración de XEAL está completamente involucrado co plan de igualdade e promoverá as medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar”.

comentarios