O Comité de XEAL denuncia que a dirección mantén traballando persoal de grupos de risco

A dirección de XEAL asegura que ten implantado novos protocolos para “preservar a saúde e seguridade dos traballadores á vez que cumprir cos seus compromisos de produción e actividade económica”. Entre esas medidas, está a concentración da produción da compañía en dous fornos e a realización de dous equipos de traballo a quendas completas durante 14 días, de xeito que, mentres o primeiro equipo estea nas plantas producindo, o segundo equipo poida estar en cuarentena preventiva no seu domicilio.
En todo caso, parece que a loita sindical non diminúe nin co estado de alarma, pois o Comité de Empresa vén de emitir un duro comunicado sobre a “nefasta xestión que está a facer a dirección da empresa ante a situación de emerxencia sanitaria xerada polo coronavirus, non garantindo a seguridade e a saúde dos seus traballadores/as e mantendo no seu posto de traballo a compañeiros e compañeiras que se atopan nos grupos de risco”.
Denuncia que a dirección non consultou as medidas preventivas cos propios traballadores, “e nin sequera tivo a ben trasladar un listado de persoas en grupo de risco elaborado polo servizo médico. Polo que nestes momentos hai traballadores e traballadoras que, a pesar de formar parte dalgún dos grupos máis vulnerábeis, teñen que seguir acudindo ao seu posto de traballo con normalidade.
Máis medidas
Dende o Comité entenden que as “as medidas postas en marcha até agora foron as máis doadas e beneficiosas economicamente para a empresa”. O peche doutros dous fornos para concentrar a produción é o exemplo máis claro.
Por iso piden que se doten de EPIs para todo o persoal no número necesario e a hixienización dos postos, así como a reorganización do traballo para poder garantir que se respectan as distancias de seguridade e non se producen aglomeracións.
O peche do comedor, e “a clausura dun vestiario, amoreándonos no resto dos vestiarios”, son outras medidas “para aforrar custes” segundo entenden os traballadores.
Así mesmo, os traballadores piden un certificado para entregar ás autoridades.