Martes. 19.03.2024
El tiempo

Por unhas compras de Nadal #enGalego

Nadal en Galego
Por unhas compras de Nadal #enGalego

Chegan tempos de consumo exacerbado (pasado ademais o infame #VenresNegro) e é o momento de prestar máis atención ás nosas compras. O consumo é a ferramenta máis importante de interactuar coa nosa sociedade que temos como individuos, para moitos, máis importante que o propio voto. De aí a relevancia de pensar o que compramos, de practicar un consumo consciente e responsable.

Falamos sempre dos criterios de proximidade ou de temporalidade no mundo do agro, e tamén no mundo do mar. Pero tamén temos que pensar en apoiar ás nosas creacións, e en clave lingüística, por exemplo, como propón a Mesa pola Normalización. A entidede vén de publicar un catálogo en pdf de produtos que podemos mercar este nadal, en galego.

Hai de todo: libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, prantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias...

A Mesa distribuirá o catálogo no Culturgal e, despois, nas vilas e cidades galegas. "Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico", afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que "coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.

A Mesa valora que traballando con empresas galegas “recibiremos unha atención máis personalizada e próxima”, “ contribuiremos á creación e mantemento de postos de traballo no noso país”, ou “daremos prestixio á nosa lingua”.

Comentarios