Venres. 20.09.2024
El tiempo

Os custos das escolas infantís da Costa da Morte chegan ao Parlamento galego

O BNG  presentou unha enmenda para que a Xunta asuma o 100% do custos das escolas infantís de Cee, Corcubión e Vimianzo e o PP rexeitouna 
escola-infantil-osvimianzinos
escola-infantil-osvimianzinos
Os custos das escolas infantís da Costa da Morte chegan ao Parlamento galego

Onte, durante a Comisión 1ª no Parlamento, o Partido Popular votou en contra de que a Xunta de Galicia asuma o 100% do custo da prestación do servizo de escolas infantís nos concellos de Cee, Corcubión e Vimianzo, como pedía o BNG, ademais de aumentar as prazas dos centros de Muxía e Zas e crear unha escola infantil no concello de Dumbría.

Na Comisión 1ª, o deputado da Costa da Morte, Oscar Ínsua, recordoulle ao PP que competencia das escolas infantís é exclusiva da Xunta de Galiza e que “por lóxica pura, quen ten a competencia é a que ten que pagar”, para poñer de manifesto que “o que fai a Xunta é delegar as competencias nos concellos, máis non acompaña o financiamento íntegro”, recriminou.

Oito escolas infantís

Das oito escolas infantis de 0 a 3 anos nas comarcas de Fisterra e Soneira, cinco pertencen á rede de escolas infantís
de Galiza (de Camariñas, Carnota, Fisterra, Muxía e Zas), mentres que as de Corcubión, Cee e Vimianzo son xestionadas polos propios concellos. O único concello que non conta con escola infantil é Dumbría, que “ tan só ten unha casa
niño no Ézaro para cinco nenos, cando no ano 2022 neste municipio naceron 18 nenas e nenos, tendo que levar as crianzas a outros concellos da contorna”, denunciou o deputado do BNG.

En canto ao aumento do número de prazas, en Muxía e Zas, existe unha lista de agarda de 5 nenos e nenas en Muxía, e un cativo esperando en Zas, “datos que coinciden co aumento da natalidade nestes municipios, xunto con Carnota e Dumbría e que van ter que esperar por culpa das políticas do PP que seguen sen apostar polos servizos públicos”, indicou Ínsua. Ademáis asegurou que “é necesario aumentar as prazas e os servizos nas escolas da rede galega na nosa comarca”.

Insua puxo de manifesto que no concello de Corcubión, con 15 nenos, o custe neto para as arcas municipais foi de 52.488 mil euros por ano (pagarían 18 mil se estivesen na rede galega de escolas infantís) en Cee, 120.306 mil euros (68.400 mil se estivesen na rede) e en Vimianzo, 257 mil euros (73.200 mil se estivesen na rede do Consorcio Galego). “ Está claro que o PP prexudica a propósito aos concellos que non son da súa corda, para afogalos economicamente”, acusou. De aí que para o deputado da Costa da Morte resulte fundamental que a Xunta do PP realice “asuma a xestión íntegra das escolas infantís municipais, incorporándoas na Rede de Escolas Infantís de Galiza e respectando e aumentando as prazas actualmente ofertadas”, recalcou.

Comentarios