Declararán en Alerta por Seca as concas do río Castro, do Xallas e do Cee
14:34 02/10/17
Así ía o Río Grande a altura de Santa Irene a comezos de setembro-Foto-Josiño M.
A Oficina Técnica da Seca (OTS) de Augas de Galicia vén de propoñer esta mañá decretar a situación de alerta por seca en seis dos 19 sistemas da bacía hidrográfica Galicia- Costa. Entre elas, atopamos a bacía do río Castro (Sistema 8), e do río Xallas e río Cee (Sistema 7).
Deste xeito, esta situación de alerta será efectiva a partir do próximo venres, cando se reúna o Consello Reitor de Augas de Galicia. A razón fundamental desta decisión débese aos baixos niveis dos caudais dos devanditos ríos, que presentan valores por debaixo do 50%, o que as afasta da situación de normalidade en comparación con anos anteriores. Neste punto indicou que se inicia ano hidrolóxico con indicadores por debaixo do habitual nesta época e de aí que se entendese a necesidade de activar a fase de alerta nesas zonas.
O obxectivo da declaración de alerta é garantir o abastecemento á poboación e minimizar os efectos negativos sobre o medio natural, establecendo medidas, de ser o caso, que protexan a flora e a fauna fluvial. En todo caso, a Oficina asegura que o abastecemento á poboación está garantido pero segue apelando, agora máis que nunca, a facer un uso comedido dos recursos.
Entre as medidas derivadas da fase de alerta está a intensificación dos controis, que pasarán a ser semanais, incrementar a coordinación entre as distintas administracións implicadas (consellerías, Fegamp e Confederacións Hidrográficas) e establecer contactos continuos cos concellos afectados aos efectos de seguir e avaliar as medidas adoptadas, dado que son administracións locais as que teñen as que ostentan as competencias en materia de abastecemento.
Augas de Galicia tamén poderá tomar medidas sobre posibles axustes no réxime de explotación dos encoros e dos caudais ecolóxicos dos ríos e proceder á adopción de medidas orientadas á axilización das autorizacións de captacións alternativas que sexan necesarias para paliar posibles efectos da seca nunha determinada poboación.
E falando do estado dos encoros, o último Boletín Hidrolóxico sinala que o encoro da Fervenza ten unha ocupación do 53%, por un 44% do encoro de Santa Uxía. Curiosos son os datos do ano pasado nestas mesmas datas, cando o da Fervenza amosaba unha preocupante estampa do 29% de ocupación mentres que o de Santa Uxíase mantiña ao 67%.
Novas relacionadas
- Setembro 2017: A dobre captación nos ríos Anllóns e Bardoso garanten o abastecemento de auga en Carballo.
- Agosto 2017: A falta de choivas pon en alerta a varios concellos da Costa da Morte.
- Agosto 2017: 2 días sen auga en Ameixenda.
- Xullo 2017: A escaseza de choivas baixa os niveis de auga no encoro da Fervenza
- Setembro 2016: Activada a situación de prealerta de seca na bacia do Río Castro.
- Redacción QPC ([email protected])