Detectado un foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica nunha granxa de Bergantiños
Unha granxa de Bergantiños vén de ser detectada como foco da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Diagnosticado antes de que finalizara o período de actividade do vector transmisor, a Xunta xa informou ao Ministerio, e con esta declaración, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor, Galicia ten notificados focos en 46 comarcas veterinarias, sendo o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 2.247 e os animais positivos confirmados en 5.384.
Indemnizacións
A Consellería do Medio Rural destinou máis de 200.000 euros a estas achegas para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións. Este orzamento súmase ao paquete de apoio avanzado no Consello da Xunta do pasado 23 de setembro, dotado de 5,6 millóns de euros.
Enfermidade non contaxiosa
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles.
Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece nos bovinos mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
Dende o 15 de decembro todo o territorio de Galicia está dentro do período sen circulación do mosquito vector, polo que non se espera a detección de novos animais positivos debido a infeccións recentes ata o novo inicio da presenza do vector.
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existen dúas vacinas comercializadas, a desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e a recentemente desenvolvida pola empresa farmacéutica Syva, ambas autorizadas pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que están dispoñibles para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector nas épocas nas que este estea activo.