Xoves. 10.10.2024
El tiempo

En Marea fai balance dos dous do goberno "caciquil" en Coristanco

En Marea fai balance dos dous do goberno "caciquil" en Coristanco
No marco da queima da política coristanquesa, en pleno San Xoán, Juan Carlos Abelenda, voceiro do novo grupo de En Marea Coristanco, quere parar para facer análise dos dous anos do movido goberno de Amancio Lavandeira. Faino nuns días nos que o presunto suborno do PP a unha concelleira de TeGa demostra “o que é capaz o Partido Popular por volver a alcaldía e sen ningún escrúpulo”. Pero en todo caso, considera que “en Coristanco se levou a cabo un cambio de goberno pero non un cambio de políticas e que o caciquismo segue vixente no noso concello”. E fai esa crítica ao alcalde de TeGa con esta análise dos dous anos de goberno: En Marea Coristanco

Análise da metade de lexislatura

Xa pasaron dous anos daquela xornada histórica na que Antonio Pensado Plágaro era desaloxado alcaldía e todos dábamos por suposto que a longa noite de pedra na que levaba inmersa Coristanco acababa de chegar ao seu fin. Aló ían 24 anos dun goberno que botando man da clasificación do filósofo grego Aristóteles imos cualificar de desviado, xa que o seus anos no goberno estiveron caracterizados polo clientelismo político e a ineficacia dun alcalde que non pensaba máis que no seu beneficio particular e no das empresas amigas que o axudaban a manterse no poder. Velaí están as imputacións que ten ao lombo, tanto o Sr. Pensado como os diferentes concelleiros que formaron parte do seu equipo de goberno ao longo dos anos, como consecuencia das prácticas caciquís que practicou durante a súa estadía na alcaldía. Coa perda da maioría absoluta do Partido Popular e coa chegada do candidato de Terra Galega á alcaldía tralo pacto acordado co BNG e PSOE, abríase en Coristanco un tempo novo, un período político que se ía caracterizar pola democratización das institucións, transparencia, participación cidadá...unha batería de medidas que semellaba que ía supoñer o fin do caciquismo e a chegada da transición a Coristanco, pero todo quedou en simple campaña electoral. O tempo vai pasando e os resultados non se ven, aquel que dicía apostar pola participación cidadá, en lugar de dar a cara escóndese na alcaldía e veta a participación das veciñas nos plenos, ese mesmo que se enchía de falar de transparencia dicindo que con el íamos ter un concello de cristal ten por facer a súa primeira rendición contas ca veciñanza, e o portal de transparencia na web do concello pasou de estar en construción a non existir. Apróbase un PXOM que fora elaborado a dedo polo anterior goberno, apróbase en pleno unha baixada de impostos prometida polo actual alcalde en campaña electoral que non se vai levar a cabo, unha subida do IBI coa que o único movemento que realiza o alcalde e culpar ao anterior goberno. O mesmo que dicía que un alcalde ten que ser eficaz o seu maior trazo característico como alcalde é a ineficacia política. Atopámonos na metade da lexislatura e o futuro político de Coristanco nesta segunda metade deixa moito que desexar xa que a situación de inestabilidade e de desgoberno é unha realidade. Temos un alcalde que pouco a pouco vai sendo abandonado por todos os que apoiaron e auparon á alcaldía aquel 13 de xuño de 2015. O primeiro en abandonar o barco foi o concelleiro do PSdeG-PSOE Abraham Gerpe, encargado de Urbanismo e Obras, quen di facelo para así doar ás arcas municipais uns 108.000€, afirmación que carece totalmente de coherencia xa que de igual modo que se rexeitas un posto de traballo deixas de percibir o salario que recibes por executalo, pois se deixas de formar parte do goberno municipal e pois é evidente que deixas de percibir a remuneración que tes con esa dedicación exclusiva. A seguinte en abandonar o goberno encabeza por Amancio Lavandeira foi a outra socia de goberno Laura Mariño, concelleira do BNG, e que era a encargada da concellería de Turismo, Educación e Cultura, quen aludía ás discrepancias que tiña co alcalde e á súa propia coherencia política para deixar de formar parte dun goberno que non estaba cumprindo co acordado no pacto. O máis sorprendente e ao mesmo tempo insultante foi o comunicado que fixeron desde Terra Galega de Coristanco analizando os últimos acontecementos que tiveron lugar na política municipal de Coristanco sen facer ningún exercicio de autocrítica e botando balóns fóra chegando ata a facer un duro ataque a Verónica Facal, quen foi concelleira de Xuventude e Deportes durante esta primeira metade da lexislatura e agora acusan de traidora e de formar parte dese grupo de persoas que din que pretenden facer caer ao goberno municipal, sen ter conta os motivos que expón que a fixeron chegar a tomar esta decisión.
Antes de finalizar non queremos deixar pasar por alto a última mostra do que é capaz o Partido Popular por volver a alcaldía e sen ningún escrúpulo son quen de chegar a ser capaces de, presuntamente, ofrecer 60.000€ en metálico, apoio económico para financiar o seu despacho profesional con carteira de clientes incluída e garantirlle ser a candidata do Partido Popular á alcaldía no 2019 á concelleira de Terra Galega e tenente de alcalde Laura Tasende. Trala pequena diagnose que acabamos de realizar neste artigo, podemos dicir que en Coristanco se levou a cabo un cambio de goberno pero non un cambio de políticas e que o caciquismo segue vixente no noso concello.
  • Juan Carlos Abelenda. Voceiro de En Marea Coristanco.
 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios