Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Europa coñece a Experiencia Social Xiria

Europa coñece a Experiencia Social Xiria

Formar parte dun Proxecto Europeo non é nada sinxelo. Sabémolo por experiencia propia, e porque apenas un par de proxectos da zona, como o Fishernet polo sur da bisbarra, o conseguiron. Onde poden xa gabarse de estar inmerso nunha autentica experiencia é por Carballo, onde a familia Xiria está a compartir a súa experiencia social con toda Europa.

Así, varios representantes das Escolas de Balonmán do Xiria veñen de participar na segunda estancia do Proxecto Europeo "Práctica Deportiva e Inclusión Social" que xa se pode seguir dende sportpractices.wordpress.com. Olalla García Taibo e Daniel Jesús Ruiz Rivera, ambos licenciados en Ciencias da Educación, estiveron en (Grecia), compartindo experiencias co resto de entidades socias do proxecto: France Amérique Latine de Paris (Francia); Centrum vol'ného de Kosice (Eslovaquia); Associazione Cultural Enzimistudio de Turín (Italia); Filoxenia, Kentro Diapolitismikon Programmaton kai Antallagon de Corinto (Grecia).

O principal cometido é poder poñer en común boas prácticas que funcionan de xeito individual en cada unha destas iniciativas. Estas boas prácticas estarán relacionadas coa procura do xogo limpo, a igualdade de oportunidades e de xénero e a interacción entre diferentes xeracións, insistindo sempre na importancia da participación e en evitar o risco para a saúde.
A través deste proxecto preténdese reunir técnicos deportivos, educadores sociais e responsables dos servizos sociais, co fin de darlles a oportunidade de poñer en común e compartir as súas diferentes experiencias, reflexionar sobre novos enfoques e métodos para facilitar o intercambio de boas prácticas na vertente educativa do deporte.

Primeira estancia en Kosice

A primeira das estancias foi en Kosice (Eslovaquia) no mes de xuño e nela participaron Cristina Muñiz, Educadora Social, e Juana Garrochena, estudante de Ciencias do Deporte. A visita centrouse en dar a coñecer o concepto de Educación en Eslovaquia e a transcendencia que o deporte ten nel. Como caso particular, houbo un gran número de actividades vinculadas coas High School, que permitiron dar unha ampla visión do papel que xoga a práctica deportiva dentro das súas instalacións. Outro punto importante a tratar foron as Olimpiadas Escolares.

Ademais, leváronse a cabo numerosos faladoiros onde se reflexionou acerca de diferentes temáticas como as profesións no mundo deportivo ou os problemas que afectan ao deporte nos contextos dos diferentes participantes.

Segunda estancia en Corinto

O segundo dos anfitrións foi a Asociación Filoxenia de Corinte. Nesta experiencia, que tivo lugar entre o 19 e o 22 de xuño, xuntáronse 13 mozos procedentes dos diferentes 'partners'. Nela tentouse achegar ao resto a realidade desta asociación grega vinculada a inclusión social das mulleres no rural, persoas con necesidades especiais, así coma a doutras entidades locais que traballan no mesmo ámbito.

Vindeira estancia en Carballo

As Escolas de Balonmán Xiria é a segunte entidade en tomar o relevo, e entre o 26 e o 29 de agosto contarán en Carballo coa visita dos outros participantes do proxecto. As actividades serán ben variadas e, ademais de presentar os alicerces sobre os que se sustenta esta escola deportiva, ofreceranlle aos visitantes outras realidades da vila de Carballo. Por iso contarán con relatorios e faladoiros nos que estarán presentes Aspaber e a Asocación Xuvenil Proxectando, entre outros.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios