Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Festas, saídas astronómicas e outras citas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte

Festas, saídas astronómicas e outras citas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte
Chega unha nova fin de semana cargada de citas. As festas, as saídas astronómicas e outras actividades como o Punto Rojo de Baio completan a #Axenda da Costa da Morte para estes tres días. Antes de debullar cada unha das citas, vemos o parte costeiro de Meteogalicia.

Meteogalicia

A situación anticiclónica dominará hoxe e mañá en toda a Costa da Morte. Hoxe agárdase que os ceos estean practicamente despexados en toda zona ainda que durante a mañá pode haber algunha nube baixa mentras que as temperaturas irán en ascenso. O sábado tamén hai posibilidades de que haxa algunha brétema e as temperaturas descenderán lixeiramente. Xa o domingo, o ceo cubriráse a medida que pasa o día xa que se agarda a chegada dunha fronte que deixará un ceo anubrado con probabilidade de choivas na segunda metade do día. O mar, en xeral, estará tranquilo durante toda a fin de semana con mar de fondo do noroeste con ondas de 1,5-2 metros de altura. Os ventos soprarán moi frouxos.

Festas

  • Festas no Pindo, Quilmas e A Curra. Dende mañá sábado e ata o luns, 13 de agosto, no Pindo, Quilmas e A Curra celebran as festas na honra a San Clemente.
  • Festas en Vimianzo. Dende hoxe e ata o domingo, Vimianzo celebra as súas festas de agosto na que non faltarán os oficios relixiosos nin a música a base de orquesta.
  • Festas en Meanos. Na parroquia de Meanos (Zas) está mañá de festa na que a orquesta Nova Imperial amenizará a sesión vermú e a verbena.

Outras citas

  • Punto Rojo en Baio. 67 establecementos de Baio únense nunha nova edición do Punto Rojo na que haberá comercios na rúa con rebaixas, pinchos, actividades infantís, tren,...
  • Verán Cultural en Carballo. A Branda da Loba actúa esta noite na praza do Concello de Carballo para presentar o seu traballo "Bailando nas rúas". A cita, que se enmarca dentro da programación do Verán Cultural, comeza ás 22:30 horas.
  • Noites na Vila en Malpica. Esta noite (ás 22:30 horas) o paseo marítimo acolle a actuación musical do grupo "Strobos" e xa mañá no mesmo sitio pero ás 20:30 hores terá lugar o espectáculo familiar "Bon Apetit" de Ghazafellos.
  • Arte e Vermú na Casa das Pepitas. A Casa das Peritas, obradoiro da artista Natasha Lelenco na aldea de Mallas, en Fisterra, abre novamente esta fin de semana as súas portas como ocasional galería de arte. Faino cunha exposición que poderá visitarse os venres, sábados e domingos entre as 12:00 e as 14:00 horas.
  • Ruta das estrelas en Cabana. Esta noite, Jorge Mira guiará a Ruta da Estrelas que sairá ás 22:00 horas do Dolmen de Dombate.
  • Memorial Manuel Rebollar en Cee. Hoxe e mañá, a partir das 21:30 horas, a Casa da Cultura acolle as actuacións da compañía Camerata Lírica de España que escenificará La Traviata, e o Coro Gospel Vida de Vigo.
  • Ruta nocturna en Santa Comba. Hoxe realizarase a “Ruta a San Bartolomeu para ver as Perseidas” - a primeira actividade do TODOCOSMOS  de Santa Comba - na que os participantes poderán facer unha observación estelar guiada por persoal  do Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Iluminación na Fervenza do Ézaro. Mañá, entre as 23:00 e as 00:00 horas, a fervenza do Ézaro volverá a iluminarse.
  • Mercado das Rutas do Mar de Muxía. Esta fin de semana chega a Muxía unha nova edición - e xa van doce - do Mercado das Rutas do Mar na que haberá un gran ambiente mariñeiro nas rúas da vila.
  • Tarde-Noite no Medievo de Rioboo. Unha das citas máis especiais do ano en Cabana é a tarde-noite no Medievo de Rioboo, que este 2018 chega á 10ª edición. A cita será o sábado cun programa no que está incluída unha voda medieval e  un festival musical.
  • Saída nocturna ao Monte Neme. A Plataforma Monte Neme organiza para mañá sábado unha observación da choiva das Perseidas no Monte Neme. A observación contará coas explicacións sobre Astronomía dos divulgadores José María De la Viña e Jorge Mira.
  • Festa do Mexillón en Esteiro. A SCRD Esteirana organiza para este sábado a 1ª festa de exaltación do mexillón da ría que terá lugar na alameda de Esteiro.
  • Dia da Bici en Zas. Este domingo, o concello de Zas organiza o día da bici facendo un percorrido de 18 quilómetros polo municipio. O pelotón sae ás 10:00 horas dende a casa consistorial.

Visitas teatralizadas

  • Castelo de Vimianzo. Todos os domingos de xullo e agosto, o Castelo de Vimianzo oferta unha visita guiada teatralizada da men de Os Quinquilláns. Hai dous pases; un ás 13:00 horas e outro ás 17:00 horas. Esta é unha actividade gratuita e dirixida a todos os públicos.
  • Dolmen de Dombate. Todos os sábados de xullo e agosto, os visitantes do Dolmen de Dombate que o fagan ás 18:00 e ás 19:30 horas poderán asistir a unha amena e divertida lección de historia e antropoloxía ao redor de Dombate a través dunha visita teatralizada guiada por Os Quinquilláns. A entrada é de balde e está dirixida a todos os públicos.
  • Torres do Allo. Os domingos de xullo e agosto, os antigos habitantes do pazo dasTorres do Allo cobran vida coa visita teatralizada que se ofrece de forma gratuita ás 19:30 horas. A ela pode asistir todo tipo de público e a entrada é de balde.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días durante os meses de verán (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • Faro Vilán en Camariñas. Ata o 31 de agosto, as instalacións do faro Vilán abren de 11:00 a 21:00 horas de luns a domingo. A entrada é de balde.
  • Museo Man de Camelle acolle durante os próximos días a exposición “Mar de Fábula: unha viaxe de cinco anos”, da asociación Mar de Fábula.
  • Lonxa de Fisterra. A lonxa de Fisterra acolle a exposición “Arte desde a reciclaxe. Reciclaarte”, de Luis Ares Roca, que se poderá ver no horario da subasta (de luns a venres de 16:30 a 20:00 horas) ata finais do mes de agosto.
  • Fábrica de Sel de Muros acolle unha mostra de pintura de catro artistas locais.
  • O hotel Bela Fisterra acollerá os próximos días a exposición escultórica “Da arribada” do corcubionés Guillermo Lourido. A inauguración da mostra é hoxe ás 19:00 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios