ficaraqui.gal, unha porta aberta á creación de emprego e o desenvolvemento económico do rural galego

Un día coma hoxe teñen unha oferta de emprego nunha asesoría de Santa Comba; outra para unha ferretería de Muros; unha de persoal de Limpeza en Vimianzo, outra oferta de axuda no fogar en Ponteceso e mesmo un traspaso dunha lavandería en Carballo. A plataforma ficaraquí.gal tamén está na Costa da Morte.
Unha iniciativa que nace como resposta a unha pregunta: No rural en Galicia non hai oportunidades ou é que estas oportunidades non teñen visibilidade? Catro persoas emprendedoras, procedentes do ámbito do márketing e a comunicación, crean unha ferramenta útil para o desenvolvemento económico e a creación de emprego no rural. Un portal web que quere converterse en punto de encontro para entidades e profesionais que aposten polo presente e o futuro do rural galego.
ficaraqui.gal é moito máis que unha listaxe de ofertas de emprego. É un proxecto creado desde o rural e para o rural, que atende ás súas necesidades. Representa unha oportunidade para as empresas que precisan traballadores/as e poden publicar, de forma gratuíta, a súa oferta de emprego. Pero tamén recolle outros tipos de oportunidades de emprego. Unha persoa emprendedora que precisa asociarse/colaborar con outras para o desenvolvemento do negocio.
Ou unha empresa que é sostible economicamente pero busca un relevo xeracional, un dos retos máis importantes aos que se enfronta o rural en Galicia.
Calquera persoa ou entidade dun concello rural galego pode rexistrar de xeito gratuíto a súa oportunidade. Queremos construír un espazo útil para poñer en valor os recursos, chamar a atención sobre as necesidades profesionais existentes e favorecer o emprendemento e a colaboración.
Loitando contra o despoboamento
Existe unha relación moi directa entre o despoboamento do rural e a falta de oportunidades nun territorio. O despoboamento condiciona a actividade socioeconómica e o mantemento de servizos. Este proxecto quere sumar na loita contra o despoboamento e dinamizar a economía local, xuntando os recursos do territorio, das persoas que o habitan (ou queren facelo) e das entidades que traballan nel.
Concellos, asociacións (de comerciantes e empresarios, grupos de desenvolvemento rural, etc.), empresas, centros de ensino e outras entidades, públicas e privadas, teñen á súa disposición unha ferramenta para darlle visibilidade ao seu traballo e chegar ás persoas que lles permitan atender as súas necesidades e cumprir cos seus obxectivos.
53 canles de Whatsapp
Ademáis da páxina web, “Ficar Aquí” apoiase noutras canles de comunicación tales como Facebook, Instagram, LinkedIn e Whatsapp.
Ficar aquí conta a día de hoxe con 53 canles de Whatsapp (unha para Xallas, outra para Fisterra, outra para Muros e outra para Bergantiños, unha por cada comarca da nosa comunidade, para que cada persoa poida acceder de forma áxil e rápida á información da súa contorna ou dos lugares nos que busca un emprego ou unha oportunidade laboral. De forma periódica publícanse en cada unha das canales as diferentes ofertas de emprego ou oportunidades existentes.
Unha iniciativa de Enxerta, [Re]acción rural
Aínda que conta con poucos meses de vida, “Ficar Aquí” é unha iniciativa galardoada xa que no pasado mes de outubro acadou o segundo premio ao mellor proxecto de emprendemento no rural en 2024 do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. “Ficar Aquí”
fíxose co segundo premio logo de conseguir ser unha das dez propostas finalistas entre as 85 iniciativas que se presentaron a estes premios.