Martes. 23.04.2024
El tiempo

O filme “Sica” levaranos polos anos 90 da Costa da Morte

Rodaxe filme Sica Camarinas-Foto-Mario Llorca
Rodaxe do filme Sica na zona do Cemiterio dos Ingleses-Fotos-Mario Llorca
O filme “Sica” levaranos polos anos 90 da Costa da Morte

Xa leva 5 semanas en marcha a rodaxe do filme “Sica”. Unha película dirixida pola Carla Subinara, directora con recoñecida traxectoria no mundo documental, que veu facer o Camiño dos Faros e quedou «absolutamente fascinada polas súas paisaxes e polas historias de vida deste pobo mariñeiro marcado pola brutalidade do seu océano».

Agora, roda na nosa comarca, e en versión orixinal en galego, esta historia de adolescentes ambientada nos anos 90, que protagoniza a cabanesa Thais García, debutante de 14 anos saída dun exhaustivo casting por toda a comarca, e outros actores non profesionais da Costa da Morte. Son uns 120 figurantes da contorna os que participan na rodaxe, entre eses unha vintena de percebeiras, mariñeiros e outros veciños da zona que son personaxes na película.

Visita Rodaxe Peli Sica-Mario Llorca copia

Onte o Cemiterio dos Ingleses, en Camariñas, acollía unha visita á rodaxe deste filme coproducido pola produtora catalá Alba Sotorra e a galega Miramemira ao que acodían o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e o director de proxección social da Televisión de Galicia, Xaime Arias, así como a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

O filme aspira a entrar no circuíto de festivais internacionais de cinema a comezos de 2023 para a súa posterior estrea ese ano en salas de cine e plataformas.

Localizacións

Visita Rodaxe Sica-Foto-Mario Llorca

Entre as localizacións que aparecen no filme están a aldea de Santa Mariña, a Praia de Lobeiras e o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas, a Furna das Grallas en Malpica, e tamén lugares de Corme (Ponteceso), Baíñas (Vimianzo), Mazaricos ou Cabana de Bergantiños. En palabras de Andrea Vázquez, «ao ser case toda a rodaxe en exteriores e espazos naturais era todo un reto rodar na Costa da Morte en decembro e xaneiro pero estamos a superalo con éxito. A forza da naturaleza e o clima non o poñen fácil pero tamén son un elemento importantísimo no película, así que dalgún xeito estamos ao seu servizo».

Sinopse

Thais Garcia-Carla Subirana e Neus na Rodaxe Sica -Foto-Mario Llorca
Thais García, Carla Subirana e Nuria Prims na Rodaxe Sica -Foto-Mario Llorca

Sica (interpretada por Thais García), é a filla dun mariñeiro que desaparece ao naufragar o seu barco. Mentres agarda a que o mar lle devolva o cadáver de seu pai, Sica distánciase da súa nai –interpretada pola actriz catalá Núria Prims– e da súa mellor amiga, Leda (María Villaverde), que tamén perdeu a seu pai no naufraxio. O único apoio atópao nun novo amigo, Suso (Marco Antonio Florido Añón), un rapaz da zona a quen chaman O cazatormentas.

Novas do filme

Máis novas cinéfilas

Comentarios