Buscan informantes sobre Man de Camelle e os naufraxios para dous documentais

Queremos comezar este 2022 facendo un repaso aos proxectos que a produtora Vizuals está desenvolvendo na Costa da Morte. Xa as coñecemos de proxectos como o “Historias do Último Camiño” con Brais Doval ou de ”Costa da Morte: Terra, mar, pasado e presente”. Ao longo deste 2021 leva desenvolvendo o “Proxecto Man”, arredor da figura do Alemán de Camelle, e ten outro en marcha.
A produtora galega está retomando o proceso de entrevistas para afondar no Proxecto Man. “Na primeira fase fixéranse para elaborar a memoria sobre Man que se acabou lanzando en formato escrito e de audiolibro, pero agora estamos xa inmersos en producir o documental”, explícanos Alicia Rodíguez. “Para iso, gustaríanos contactar con todas aquelas persoas que coñecesen a Man, teñan anécdotas sobre el, lles contaran historias del, o estudaran de algunha maneira”…
Nas súas redes sociais están pedindo colaboración veciñal para toda a xente que queira contar o que coñeza do mítico artista. Este xaneiro estarán en Camelle para falar con veciños, comerciantes... pero esperan que haia moita xente da comarca que se anime a compartir.
Na busca da historia do maior naufraxio da Costa da Morte
De xeito paralelo, Tex45 Producións, traballa noutro proxecto audiovisual: "Na busca do Captain", un proxecto de investigación para descubrir a historia do afundimento do HMS Captain e do impacto na zona, pero tamén de outros naufraxios que tocaron a Costa da Morte.
”Como fixeramos nós con Proxecto Man, queremos chegar aos veciños e que estes lles poidan contar as historias de naufraxios que recordan, anécdotas, cómo afectaron á vida na zona”… por iso tamén invitan a poñerse en contacto a través das redes sociais ou no 626 718 306 para contar todo o que coñezades do mundo dos naufraxios.
Novas relacionadas
- Decembro 21: A Costa da Morte acolle a rodaxe da peli ‘Sica’, da directora catalá Carla Subirana.
- Maio 21: O documental “Gnadinger” xa ten material.
- Xaneiro 21: En marcha o “Proxecto Man”, un novo documental sobre o Alemán de Camelle.
- Setembro 21: Brais Doval descobre as “Historias do Último Camiño”.
- Marzo 21: A historia da Costa da Morte nun documental coas imaxes do Arquivo Vidal e o fondo de Ramón Caamaño.