Formoso e Regueira fan balance de 10 anos de goberno de coalición na Deputación da Coruña

Coincidindo co ecuador do mandato 2023–2027, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente Xosé Rgueira, fixeron balance dos dez anos de goberno de PSOE e BNG á fronte do goberno da institución provincial.
Formosou quixo calificar a era como “unha década de transformación e progreso”, mentres repasaban algúns dos principais fitos do goberno provincial durante a última decada, Formoso reivindicou o profundo cambio político da Deputación da Coruña, “cun modelo de referencia, exportable a Galicia”.
“É significativo que o Consello de Contas evidencie que o investimento da Deputación nos concellos da provincia é superior ao do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Investimos máis nos concellos da provincia da Coruña que a Xunta nos das catro provincias galegas”, afirmou Formoso.
Entre os principais logros, destacou a posta en marcha do Plan Único, que non só puxo fin aos repartos arbitrarios de fondos en función da cor política dos concellos, senón que “consolidou un modelo xusto e transparente de financiamento municipal no que os concellos son os que deciden”. Lembrou que o POS+ multiplicou por catro o orzamento anual do Plan de Obras e Servizos (pasando de 25 a máis de 100 millóns anuais), o que permitiu aprobar máis de 4.500 obras nos concellos coruñeses, cun investimento récord que, xunto ao das estradas provinciais suma máis de 1.000 millóns de euros e supuxo a creación e mantemento de 18.000 empregos.
Tamén puxo o foco no apoio ao emprego e o emprendemento, outro dos eixos da transformación da Deputación. “Pasamos dunha administración que só contrataba cuadrillas de obras tres meses ao ano, a un verdadeiro motor de emprego na provincia”, explicou. A través do Plan de Emprego Local (PEL), investíronse máis de 120 millóns de euros, creáronse 7.700 empregos, apoiáronse 2.700 empresas e 4.000 autónomos, e impulsáronse 260 proxectos emprendedores nos 11 espazos coworking creados nestes dez anos. “O PEL é hoxe unha ferramenta consolidada que dinamiza a economía local dos concellos máis pequenos, apoia aos que emprenden e xera emprego en toda a provincia”.
O presidente tamén fixo fincapé na aposta decidida polo rural, que pasou de ser un territorio esquecido a un espazo de futuro e oportunidades. “Creamos emprego de proximidade, levamos a cultura, o deporte e os servizos sociais onde antes non chegaban”, sinalou.
Outro aspecto clave foi a a aposta social da Deputación. A Deputación, noutros tempos invisible no ámbito social, e hoxe recoñecida como garante dos coidados, da atención á dependencia e dos servizos sociais máis próximos. Durante esta década de goberno progresista, a Deputación pasou de dedicar só 17.000 euros ao ano por concello para axuda no fogar (o equivalente ao salario anual dunha coidadora), a financiar cada ano 400.000 horas de axuda no fogar, contratar 180 profesionais sociais nos concellos e apoiar o traballo de case 300 entidades sociais da provincia, cun orzamento social que supera os 33 millóns euros ao ano.
Novo modelo de residencias pioneiro en Galicia
No ámbito social, Formoso destacou tamén que o seu goberno xa ten moi avanzado o deseño do novo modelo de residencias públicas de maiores da Deputación, que comezará con tres novas residencias de ámbito comarcal nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes, que se desenvolverán en base a un novo modelo innovador e pioneiro en Galicia, radicalmente diferente ao que está establecido hoxe na comunidade. A proposta técnica deste novo modelo de residencias establece un modelo de atención e intervención social chamado de 5ª xeración, que supera os antigos modelos de asilo, hospital ou residencia, baseados en contornos moi institucionalizados e cunha cultura asistencialista, por un novo modelo que xa está a desenvolver en países nórdicos como Dinamarca ou Suecia, centrado na persoa, que respecta a súa autonomía, vontade, decisións e preferencias nun espazo multiservizo e de carácter aberto e comunitario, onde as persoas da contorna podan acceder a él para gozar de certos servizos e as persoas residentes podan desenvolver tamén actividades fóra do centro asistencial.
Un modelo alteranativo, con estabilidade e políticas transformadoras
O vicepresidente, Xosé Regueira, puxo en valor un modelo de goberno “de estabilidade, con dúas sensibilidades diferentes pero capaces de alcanzar unha convivencia política que, nun momento como o actual, é especialmente relevante”.
Regueira sinalou que este modelo “alternativo” é “de confianza para a cidadanía, con políticas transformadoras que supoñen grandes avances para a provincia, especialmente para os concellos máis pequenos e para o medio rural”. Neste sentido, sinalou o “papel crucial” da Deputación, “se desaparecese o noso labor de impulso cultura, económico ou deportivo, moitos dos proxectos dos diferentes ámbitos desaparecerían con el”.
Regueira tamén fixo referencia ao Plan Único, “fomos revolucionarios na maneira de entendernos cos concellos, creando unha ferramenta de financiamento local que reparte os fondos con criterios obxectivos”, e ademais, sinalou que “sen o financiamento da Deputación de servizos, recursos e incluso persoal dos concellos, moitos deles non subsistirían”.
“Cremos no talento e na capacidade e potencialidade desta provincia”, engadiu o vicepresidente. “Detrás das nosas espectaculares paisaxes, hai economía produtiva. O rural é futuro, e por iso dende a Deputación apoiamos e promovemos iniciativas que contribúen á fixación de poboación, ao fomento do emprendemento no rural, e a xeración de riqueza local”.
O vicepresidente destacou os cambios nos procesos de contratación, “fomos capaces de cambiar algo que outras administracións non, como os pregos de contratación, para que as empresas da provincia non viran precarizados os seus ingresos. Esa relación co tecido empresarial é un fito importante”.