Venres. 19.04.2024
El tiempo

"A historia das vosas vidas non estará completa ata que non vexades a Monoulious DOP en acústico"

IMG-20190424-WA0019
Mon e Ula, vocalistas do grupo musical Monoulious DOP.
"A historia das vosas vidas non estará completa ata que non vexades a Monoulious DOP en acústico"

Falamos con Mon e Ula, vocalistas de Monoulious Dop, grupo musical de Outes (Noia) que chega este verán á Costa da Morte. Poderemos velos no Asalto ao Castelo de Vimianzo o sábado 6 de xullo, e tamén na Carballeira de Zas a primeira fin de semana de agosto. En galego, pegadizos e con moita retranca, os Monoulious arrasan nas redes sociais, ás que lle deben o seu éxito: “Se non fora polas redes e polas miles de visitas que xeraron os nosos primeiros vídeos no Youtube nunca estaríamos facendo esta entrevista”, din.

QPC: Cando nace Monoulious Dop e de onde xorde a idea?
Ula e Mon vivíamos xuntos en Compostela, a pesar de que pertencemos o concello de Outes. Tiñamos unha guitarra e moito tempo libre e a verdade é que tiñamos moitas ideas para facer cancións. Xa tivéramos outras bandas con outros estilos pero agora tiñamos claro que queríamos facer algo para rirnos nós e que a xente se sentise identificada co noso rollo.

QPC: Como foron os inicios?

O noso modus operandi era sacar vídeos en internet que gravabamos no estudio dun colega que por aquela tamén estaba empezando como sonidista. Era un proxecto único e exclusivo para internet no que nós mesmos facíamos todo: Gravabamos todos os instrumentos, facíamos os vídeos, actuábamos, editabámolos e subiámolos a internet. A cousa foi avanzando vídeo tras vídeo e, dada a boa acollida e as miles de visitas que ían tendo, a xente empezou a demandar directos para ver e escoitar a aqueles tolos e os seus temas con banda. E quen somos nós para negar tal espectáculo ao pobo?

QPC: O nome do grupo naceu tamén coa formación? Que significa?

Sí, o nome do grupo e a posta en marcha de todo isto debémosllo a unha peli de Jack Black, "Tenacious D, the pick of destiny" (a parte eran dous, coma nós, e un deles tamén era calvo jeje). Foi acabar de vela e puxémonos a facer o noso primeiro tema e poñerlle o nome o grupo. (Xa ves que duro nos pegou a peli jeje) O nome débese da xuntanza dos nosos nomes (Mon, Ula) co sufixo -ious de Tenacious. E DOP significa Dolor de Ojete Padre, así, sen parvadas. 

QPC: Que xénero vos define? Algún grupo que teñades como referente?

A verdade é que sempre fixemos un pouco o que nos dou a gana, nos cinco primeiros temas que fixemos xa había unha canción do verán, unha balada rock, un tema electrónico, unha samba e un reguetón. Certamente, ninguén se atrevía a definirnos e moita xente nin a nomearnos (aínda a día de hoxe, debido a dificultade de pronunciación do nome da banda jeje) hoxe en día xa temos un estilo mais definido, unha banda mais consolidada e un show, para que mentirche. Espectacular!

QPC: Como é o proceso de creación dos vosos temas?

Mon e Ula somos os que facemos tódolos temas, as veces xuntos e outras veces por separado, nós compoñemos a música e a letra e despois pasámosllos aos nosos distinguidos músicos arreglistas, cos que compartimos banda, e eles son os encargados de colorear o bocexo que nós fixemos e debuxamos con tanto amor e humor.

QPC: Comezastes en Youtube e nas redes sociais. Como foi a resposta do público?

Si, esta banda débese ó publico que lle dou ao click en Youtube, se non fora polas redes e polas miles de visitas que xeraron os nosos primeiros vídeos nunca estaríamos facendo esta entrevista polo que sufriríamos unha paradoxa espazo-temporal que remataría co fin do universo e parte de Camariñas.

QPC: Cara onde camiña Monoulious Dop? Como vos vedes nun futuro?

A verdade é que Monoulious DOP está camiñando ben, vimos de encher a Sala Capitol de Compostela (algo que se nolo din cando comezamos non se nos pasaba pola cabeza) e imos cara o noso segundo disco que gravaremos cando remate o verán. Non sabemos onde desembocará todo isto, pero si sentimos que cada ano hai mais ilusión polos novos retos. Á parte de ser unha banda, somos colegas e somos familia.

QPC: Xa por último. Tocades en Vimianzo e Zas este verán. Porque animariades a xente a que non perdese o voso concerto?

En Zas e en Vimianzo imos a tocar en acústico a dúo, que é tal como empezamos antes de ter a banda. É un formato íntimo e divertido onde tocamos as cancións instrumentadas da banda e as levamos a mínima expresión (que é realmente como naceron) posto que so estamos nolos dous e unha guitarra acústica. Non é nin mellor nin peor, é distinto e defendémolo con moita naturalidade e humor. De feito, a historia das vosas vidas non estará completa ata que non vexades a Mon e Ula de Monoulious DOP en acústico. Ala, aí queda iso!

Comentarios