Hoxe créase unha Plataforma de afectadas/os polos parques eólicos do Campelo, Bustelo e Toural


Comeza a moverse o tecido social de Bergantiños, aquel que foi quen de parar toda unha mina de ouro para Corcoesto. Desta volta a loita será contra os parques eólicos do Campelo, Bustelo e Toural , e a veciñanza unirase en forma de Plataforma de Afectados. De feito, o acto de constitución da mesma ao que está invitado todo o mundo, e que acompaña unha charla informativa, terá lugar este martes 7 de agosto ás 20h00 no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco.
Despois das informacións críticas dos grupos de BNG e ADEGA, veciños dos concellos afectados (Coristanco, Carballo e Santa Comba), decidiron crear unha plataforma contra a implantación destes parques nunha reunión previa que tivo lugar o pasado 27 de agosto en Coristanco.
O obxectivo da Plataforma é “iniciar a defensa conxunta dos intereses das persoas afectadas, do seu modelo de vida e do medio na área afectada ademais de poñer en coñecemento da cidadanía os efectos nocivos que este tipo de instalacións poden ter na flora e na fauna da contorna, na produtividade e dinamización económica do territorio e, sobre todo, na saúde da veciñanza. Efectos cos que habería que convivir de por vida”.
A plataforma lamenta que a tramitación urxente (gracias á polémica Lei de “Depravación” de Galicia) “deixe aos veciños sen marxe de reacción, pois só se dispón de 15 días para poder examinar os proxectos e presentar alegacións”.
De feito, a Plataforma podería chegar tarde, pois despois da exposición pública dos proxectos do Campelo e de Bustelo, o día 10 de agosto remata o prazo de alegacións para o parque eólico do Monte Toural.
Liña de evacuación
Así mesmo, o día 3 foi publicado no DOG a tramitación da liña de alta tensión de evacuación de enerxía producida, que vai dende o Campelo, en Coristanco, ata Mesón do Vento. “Ó máis probable é que moitos/as propietarios/as non teñan coñecemento de cales son os bens e dereitos afectados”, sinalan as promotoras da Plataforma instando á necesidade de máis información para os veciños afectados.
É por iso que, ademais da constitución da plataforma, organizan unha charla informativa na que contarán coa presenza dun membro da Plataforma contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes. A charla, aberta tanto a persoas directamente afectadas como a todas as persoas que queiran obter máis información sobre o tema, terá lugar o martes 7 de agosto ás 20h00 no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco.
Novas relacionadas
- 19-07-18: Sae a exposición pública o Parque Monte Toural, a terceira parte do megaproxecto eólico que afecta a Carballo, Coristanco e Santa Comba.
- 17-07-18: O BNG de Coristanco alega e informa sobre os novos proxectos eólicos.
- 10-07-18: ADEGA denuncia a tramitación fraudulenta e a ameaza á flora endémica dos parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural.
- 09-07-18: O BNG de Coristanco enfróntanse aos tres novos parques eólicos que invadirán a comarca.
Artigos relacionados
- O impacto económico dos parques eólicos nos Concellos de Muxía, Laxe e Vimianzo.
- Como repercute a invasión dos eólicos nos Concellos da Costa da Morte?.
- A estafa eólica aos propietarios das fincas afectadas polas liñas de evacións eléctrica.
- A repotenciación dos parques eólicos: unha trampa para os propietarios afectados.
- Eólicos vs Dragaxe de Laxe. Mariñeiros vs Unión Fenosa.