Implicación dispar na celebración do Día Mundial LGTB+
Este luns 28 de xuño celébrase o Día Mundial do Orgullo LGTBIQ+. E son varios os Concellos da bisbarra que así o queren amosar. É o caso dos Carballo e Cee, que utilizan o mobiliario urbano para darlle naturalidade á diversidade cas cores do arco da vella.
Se ben a meirande parte dos Concellos como Malpica, Mazaricos, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Carnota... utilizaron as redes sociais para reivindicar o #DíadasDiversidadesSexuais, (algúns deles mesmo colgaron a pancarta no balcón da casa consistorial), outros Concellos como Camariñas viven outras accións.
Día LGTBI en Cee, en Vimianzo cos membros do Obradoiro de Emprego, e en Muros
Conversas interesantes en Camariñas
O Concello de Camariñas sumouse ao acto publicando unha serie de entrevistas gravadas a tres expertas e especialistas en xénero e igualdade. As protagonistas son Patricia Freire, graduada en Educación Social especializada en xénero e igualdade que colabora como voluntaria ALAS Coruña desde hai 3 anos e coa que se falou sobre a bisexualidade; Ana García Fernández, activista non binaria polos dereitos do colectivo LGTB con especial atención aos dereitos do colectivo trans e presidenta de ALAS Coruña; e a Sara Romero, activista feminista da Marcha Mundial das Mulleres e unha das propulsoras da Lei Trans galega do 2017.
Moción en Muros
Por Muros, hai disparidade municipal arredor dunha moción presentada polo BNG, que solicita unha clara aposta do goberno popular para “visibilizar as sexualidades e identidades de xénero disidentes coa cisheteronorma”.
O BNG presentaba unha completa moción arredor dos dereitos LGTB+ en pleno, pero o PP botaba a abaixo facedo unha enmenda completa e aprobando unicamente unha bandeira na fachada e un manifesto constitucional.
Fóra da enmenda aprobada polo grupo de goberno e o PSOE, puntos como “o estudo e posta en marcha dun servizo de asesoramento legal, de asistencia psicolóxica e de orientación laboral para as persoas LGBT dende o Concello”, a “elaboración dun programa a nivel municipal que leve aos colexios e institutos palestras, obradoiros e proxectos que teñan como temática central o ámbito LGBT”, ou unha “maior implicación do Concello na campaña que fai a Deputación da Coruña polo Orgullo, a campaña “Liberdade de ser e sentir”,” máis alá de compartir un cartel prefabricado nas redes sociais.
En calquera caso o grupo da oposición seguirá organizando eventos como o do pasado 18 de xuño, cando realizaba unha charla trementamende interesante con Daniela de AmiZando e a Xandre de Avante LGBT+.