Luns. 29.04.2024
El tiempo

Os Institutos da Costa da Morte organizan unha campaña conxunta a prol do galego “Falemos + galego”

CPI Cabo da Area de Lae no Correlingua 2023
Imaxe da pancarta que o CPI Cabo da Area de Laxe levou ao Correlingua 2023
Os Institutos da Costa da Morte organizan unha campaña conxunta a prol do galego “Falemos + galego”

Fermosa iniativa que vñen de poñer en marcha varios centros educativos da Costa da Morte. Os centros IES Lamas de Castelo (Carnota), CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos), IES Fernando Blanco (Cee), IES Agra de Raíces (Cee), IES Fin do Camiño (Fisterra), CPR Nosa Sra. do Carme (Fisterra), IES Ramón Caamaño (Muxía), IES Terra de Soneira (Vimianzo), IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas), IES Maximino Romero Lema(Baio-Zas), CPI de Zas, CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e IES Eduardo Pondal (Ponteceso) promoven unha campaña conxunta a prol do uso da lingua galega “Falemos +galego”.

A proposta baséase no "orgullo de pertencer á Costa da Morte, unha área que destaca no uso do galego, e remover conciencias e xerar estímulos para incrementar o seus usos", explican. Trátase de incrementar o número de persoas galego-falantes, partindo da poboación xuvenil que cursa estudos de educación secundaria, bacharelato e formación profesional e buscando, tamén, o impacto no conxunto da sociedade da Costa da Morte.

A campaña, que se desenvolverá ata final de curso, consta de dúas partes:

  1. Un concurso en cada centro que busque o lema e o logotipo máis acaído para unha campaña de fomento do uso do galego, que parta da idea do orgullo de sermos da Costa da Morte, un territorio galego falante. Ademais, a idea do lema viría acompañada dun vídeo breve (menos de 60 segundos) para mover polas redes sociais.

  2. Unha gala de todos os centros participantes, na que se darían a coñecer as propostas, escollidas por un xurado alleo, de entre as gañadoras en cada centro. Esta gala sería ao aire libre no concello de Cee o día 20 de xuño.

Nestes momentos xa está en marcha a primeira parte da campaña en cada centro, que rematará nos días previos ao 17 de maio. Cada centro escollerá o lema, logo e vídeo que os representará na fase común. O día 20 de xuño darase a coñecer a proposta que nos representa a todos os centros da Costa da Morte, elixida por un xurado alleo aos mesmos. Esta proposta terá a finalidade de seren uns elementos divulgativos comúns a prol do maior uso da lingua galega entre a xuventude, e tamén no conxunto da sociedade.

Con esta iniciativa conxunta os centros de ESO, bacharelato e FP da Costa da Morte queren comprometerse no fomento do uso do galego. Ao mesmo tempo buscan xerar esforzos comúns nun territorio tan singular coma o noso. Tamén se trata de saír do illamento e das iniciativas pechadas nos centros para trascender os seus lindes e ter presenza e visibilidade no conxunto da sociedade. Pretendemos, asemade, que o noso alumnado se sinta parte e colabore conxuntamente nun ámbito superior ao centro e ao seu concello.

Comentarios