Martes. 14.07.2020
El tiempo

As luces e sombras da volta da hostalería costeira durante a desescalada

Terraza da cervecería o Atrio, en Cee.
Terraza da cervecería o Atrio, en Cee.
As luces e sombras da volta da hostalería costeira durante a desescalada

Xa hai máis de un mes que comezou o proceso de desescalada en todo o territorio. Gracias a isto, foron moitos os negocios que por fin viron e luz ao final do camiño e que puideron reabrir as súas portas. Unha meirande parte deles foron do sector da hostalería, que puideron comezar a atender aos seus clientes de novo a partir do 11 de maio co cambio á Fase 1 de cara á denominada “nova normalidade”. 

Un deles foi a mítica cafetería de Corcubión O Pazo. Juan Sierra, xerente do local, comenta que nun principio dubidaron en facelo, pois “dependíamos moito do tempo”. Mais ao final, ao ter a posibilidade de poder abrir mantendo aos seus empregados no ERTE, decidiron seguir adiante el máis a súa muller, xa que tamén tiveron a posibilidade de contar “máis ou menos co aforo que tiñamos coas mesas máis separadas porque o Concello concedeunos máis marxe para separalas”, indica.

A pesar da súa reapertura, Sierra explica que a xente vai “vindo pouco a pouco” e bota en falta sobre todo a rutina diaria que tiña antes. “A xente fixa de todos os días que viña a aquela hora a tomar o café, o viño ou a cerveza, iso falta”, comenta.

Por outra banda, a cervecería O Atrio, situada en Cee, decidiu esperar un pouco máis para esa volta ao traballo, abrindo unha semana despois de que se decretase o pase á Fase 1 en Galicia. Unha volta algo máis tardía pero que tivo boa resposta da xente, tamén alentada polo feito de ser un dos poucos bares que abriron nesa fase no pobo. “Nese momento só estábamos abertos o McRober mais eu, non había case ninguén aberto, entón había moita xente que non era da miña clientela habitual”, afirma Rosa López, xerente do local.

Outros, como A Ventana de Laxe, non abriron ata o pasado venres 29 de maio, xa na Fase 2, pois, ao contar cunha terraza interna pequena e ter que reducir a capacidade ao 50%, non lle saía a contas facelo antes. Fernando Paredes, dono da Ventana, explica que “non é un bar que dispoña dunha terraza como para explotar, é unha terraza que tan só ten seis mesas. Puiden abrir antes, pero tería que quitarlle tres. Entón, abrir un local para traballar só tres mesas non é rentable”.

Volta ao traballo con novas medidas

A reapertura trouxo consigo novidades, pois todos os locais tiveron que adaptarse ás medidas implantadas polo Goberno, non só á hora de colocar as mesas para garantir a distancia de seguridade, senón tamén á hora de atender aos clientes, que debe facerse con sistemas de protección tales como pantalla ou mascarilla e desinfectando todas as mesas e cadeiras cada vez que se libere unha mesa.

Un traballo que, polo xeral, foi non foi  de implementar tal e como afirman Sierra e Paredes. O do Pazo conta que isto é algo que “da algo máis a lata porque tes que estar un pouquiño máis alerta. Intentas que a xente tan pronto saia da mesa, ir a recollela e limpala para cando veña alguén se poida sentar”. Paredes apunta ademais que “as medidas regulamentarias son un pouco máis de traballo para o hostaleiro, pero non me parecen difíciles de cumprir”.

López, no seu caso, afirma que nun principio foi bastante esgotador. Ao ser dos poucos bares abertos en Cee na primeira fase e contar con máis clientela, era “o triple de traballo con menos xente. Dache a sensación de que pasastes por unha Xunqueira”, afirma a do Atrio, mais conta que agora, ao ir abrindo o resto de bares da vila, a cousa xa se está normalizando máis.

Preparados para a Fase 3?

En breves o Ministerio de Sanidade anunciará que territorios pasarán á Fase 3, algo que é bastante probable que suceda en Galicia. Nesta nova fase, por norma xeral o aforo das terrazas aumenta ata un 75% e estará permitido o consumo en barra sempre que se garde a distancia de dous metros entre clientes (estes datos poden ser modificados xa que as Comunidades Autónomas terán a competencia de permitir o aumento do aforo no local ou reducilo en terraza segundo conveñan).

Neste sentido, e a pesar dese aumento na capacidade interior grazas á barra, Sierra e López indican que polo momento a afluencia dentro dos locais é máis ben baixa. “A xente, se hai bo tempo, prefire quedar fora. Parece que aínda teñen un pouco de reparo en entrar”, afirma o do Pazo.

A medida que van avanzando os días e nos achegamos a esa “nova normalidade”, vai chegar un punto no que comezará de novo a circulación por todo o territorio e os turistas poderán volver tamén á nosa terra. Un feito que a López imponlle algo de respecto. “Ao primeiro tiña moito medo. Agora vaste acostumando, pero cando veña a nova normalidade dame algo de medo. Agora estás tranquila porque máis ou menos coñeces a todo o mundo e xa te acostumaste. A cousa é cando veña a xente de fora”, explica a do Atrio.

Pola súa banda, Paredes afirma que de momento é un pouco complicado pensar como vai reaccionar ante algo que aínda non vivimos. De todos modos, cre todo sairá ben e será fácil levar o traballo se “a clientela é consciente das normas e mantén as boas conductas”.

comentarios