Marcos Rodríguez une outro premio internacional ao seu palmarés

O fotógrafo costeiro Marcos Rodríguez recibiu esta fin de semana a distinción de Mestre Fotógrafo Internacional, concedida pola asociación portuguesa Appimagem durante a súa gala oficial en Espinho. A entrega incluíu o diploma acreditativo e a insignia, que o incorporan formalmente ao grupo de profesionais recoñecidos con este grao.

Esta distinción súmase a unha traxectoria amplamente recoñecida a nivel nacional e internacional: Rodríguez conta con tres Cámaras de Ouro Europeas ao Mellor Fotógrafo Europeo do Ano (2017, 2018 e 2019), a medalla de Prata na World Photographic Cup, varios Premios Quixote, Premios Luces de Granada e diversos Premios Lux, ademais dunha obra documental profundamente vencellada ao territorio e á Costa da Morte.
Nestes días ultima a segunda edición ampliada de Finis Terrae, que sae á rúa a próxima semana e incluirá novas imaxes.


O fotógrafo, nado en Milán, criado en Carballo e residente en Cee, é o presidente da ASFOGAL, a Asociación Galega de Fotógrafos Profesionais, e ten publicado en Que Pasa na Costa, La Voz de Galicia, El País, El Mundo, La Croix, Faro de Vigo, El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, e outros medios de referencia.

Ao longo dos últimos anos, cada recoñecemento contribuíu tamén a dar a coñecer a Costa da Morte en máis lugares do mundo, levando a súa identidade visual, a súa cultura e a súa historia a públicos cada vez máis amplos.

Máis CV