Venres. 29.03.2024
El tiempo

María Hermosinda Amarelle: 57 anos de emigración co corazón partido

Hermosinda H recibindo un galardon
María Hermosinda Amarelle: 57 anos de emigración co corazón partido

María Hermosinda Amarelle López, máis coñecida por María H, naceu en 1946 na Baña, parroquia de Suevos. Con 17 anos embarcouse no porto de Vigo rumbo ao porto de Bos Aires no Monte Udala, un dos últimos barcos cargado de emigrantes que buscaban un porvir mellor no continente americano. San Telmo, un dos barrios fundadores da cidade de Bos Aires converteríase no seu novo fogar. A emigración ao país arxentino era ben coñecida polos veciños de Suevos. Doutra banda, a emigración a Europa xa comezara nese momento e todas as súas amigas cara alá marchaban. María H animouse a viaxar a Europa e probar sorte en Alemania pero un dos seus irmáns que se atopaba emigrado en Arxentina díxolle que se tiña que ir polo mundo que se fose coa familia. A súa nai, Balbina Amarelle López, sempre foi unha persoa moi aberta e independente na súa forma de vivir e no seu xeito de ser o que lle permitía a ela e aos seus irmáns actuar con bastante liberdade ante os seus principios e ideais. Era orfa e, desde os 15 anos, criou aos seus 5 irmáns e 3 fillos.

“Cando lle dixen que marchaba, ela contestoume que non quería que me fose pero que tampouco me ía prohibir esa opción ou oportunidade. Sempre me chamou a atención Arxentina polos seus colexios. O meu mestre rural, eu só teño a primaria, axudoume moitísimo. Ensinoume unha táboa de principios e valores moi importantes para a vida. Dábame moitos libros para ler porque me encantaba. Gustoume estudar pero os recursos da miña nai non alcanzaban. Funme soa alén do Atlántico. Quizais fun un pouco inconsciente pero tiña claro que non quería quedarme nun pobo, no campo. Os dunha casa casaban cos doutra casa pero os problemas económicos se mantiñan en todas elas”, recorda con certa tristeza.

Hermosinda H de nova

O 13 de outubro de 1963, durante o cambio de goberno arxentino e tras 16 horribles días en barco debido aos seus mareos e malestar constante, Hermosinda daba por finalizada a súa travesía polo gran charco.

”Afortunadamente, no mesmo barco viaxaban dous mozos veciños meus con rumbo a Uruguai e unha moza de Ordes. Eu era a única moza con destino a Arxentina. A maioría da xente da miña idade marchaban a Brasil e a Uruguai. Coidáronme moito. Traíanme a comida pois, ao atoparme sempre indisposta, non baixei ao comedor no traxecto de Vigo a Brasil. Unha vez en Brasil, tanto eles como eu, tiñamos a xente coñecida esperándonos. Aí foi a miña primeira comida en condicións. Xa en Uruguai, atopeime con moitos veciños de porta con porta, así que, o día que cheguei a Montevideo, me foron recoller para pasar todo o día con eles. Ata, máis tarde, cando xa estaba instalada en Arxentina, volvía de vacacións para reencontrarnos. Sentíame como na miña vila. Os galegos de Montevideo conservaban un sentimento de fraternidade e xuntanza moi forte”.

En Arxentina esperáballe o acubillo dun irmán maior, duns curmáns e uns tíos cos que viviu por un tempo. O seu irmán José conseguiulle un traballo aos tres meses da súa chegada cun sastre nun taller de confección de roupa masculina que acababa de abrir. O seu xefe ensinoulle o oficio rápido e ben o que lle facilitaba realizar horas extras. Aí traballou durante 15 anos e ata que a súa segunda filla naceu.

”Traballaba desde as 5:45 ata as 20:00 horas da tarde. O meu xefe brindoume unha man enorme ata tal punto que se converteu no meu padrino de voda. Cando cobrei a miña primeira quincena foi un dos días máis felices da miña vida. Sorprendinme da multiculturalidade dos traballadores e namoroume a solidariedade e a calidez de Arxentina. Ao ano de empezar a traballar tiven que operarme e as miñas compañeiras de traballo acompañáronme, coidáronme e consentiron, durmiron comigo no hospital... Integreime moi ben. Pareciamos a torre de Babel”

Un ano máis tarde da súa chegada a San Telmo, María H coñeceu ao amor da súa vida, un aposto pontevedrés da parroquia de Barrantes (Tomiño). Silverio González Pousa emigrou a Bos Aires cos seus pais á curta idade de 3 anos. Con el estaría 7 anos de parella antes de contraer matrimonio en 1970 e formar unha marabillosa familia composta por dous fillos e tres netos.

”Coñecín primeiro aos meus sogros Rosalía e Silverio. Eles vivían no segundo piso e eu no terceiro. O amor da miña vida traballaba tanto que apenas o vía aínda que recoñecía os seus pasos cando subía as escaleiras. Saltábame o corazón. Un día invitoume ao baile de entroido e desde ese día fomos mozos. Foi o amor da miña vida, para toda a vida, para sempre”, narra con nostalxia e agarimo.

Hermosinda H co seu marido

Os seus sogros achegárona á colectividade e ás actividades do centro cultural e de saúde do Centro Galego onde eran socios e que nese momento se atopaban celebrando eleccións. O mesmo centro que acolleu a Castelao, o cal faleceu na habitación 52 das súas instalacións. Cando María H descubriu a biblioteca a cabeza abríuselle en dúas. Comezou a frecuentala e un mundo novo púxose ao alcance desta emigrante galega amante da historia e a docencia.

”A liberdade foi o que me namorou. Un tío do meu sogro, socio fundador do centro galego, díxome... "ti, aquí comigo, falas galego e nunca esquezas Galicia". Abríume un mundo incrible, sen condicións nin discriminación. Alí tiven a oportunidade de coñecer a diferentes celebridades galegas que viviron exiliados en Arxentina como Alonso Ríos, grandes loitadores dunha Galicia Ceibe”.

María H viaxou en varias ocasións a Galicia. A primeira vez, once anos despois e en compañía do seu irmán. No 1980 volveu acompañada da súa familia e o seu marido quixo quedarse pero ela viu máis oportunidades para a educación dos seus fillos en Arxentina e volvéronse. Regresou no 82 para asistir á voda do seu irmán pequeno o cal estivo emigrado en Suiza 20 anos. No 89 faríao co seu marido e uns curmáns que nunca volveran. No 96 faríao co grupo de baile do centro galego de Tui Salceda co que leva ao redor de 40 anos.

”Cando viaxei co meu esposo e os meus fillos a Galicia no 1980 a divisa favorecíanos. O meu marido era un fanático de Galicia e quería quedarse. Con todo, eu vía que en España non podía ofrecerlle aos meus fillos os estudos como en Arxentina e iso botoume para atrás. Malia os vaivéns políticos do país, a saúde e a educación pública séguense mantendo. Eu puiden asistir á escola pública nocturna e quixen que os meus fillos tamén se educasen no sistema público onde alternaban con todo tipo de oficios sen discriminacións. Os doutores, os banqueiros e a xente pobre como nós eramos iguais. A colectividade xudía era un referente para min. Eles enviaban aos seus fillos á escola pública”.
”No 96 foi a última viaxe que puiden realizar co meu esposo pois, desgraciadamente, faleceu no 2004 tras enfrontarse a un cancro cerebral coa mellor dos seus sorrisos. No 2008 viaxou de novo a Galicia e a súa nai foise a vivir con ela a Arxentina onde faleceu anos máis tarde. Tanto Silverio como Balbina repousan no panteón do Centro Galego.”

”Foi moi duro. Inesperado. Nun mes descubríuselle o tumor que lle levou a un estado vegetativo durante un ano. Era un home cheo de vida. Amaba a vida. Amaba sentarse nunha cadeira e gozar dunha posta de sol. Ao meu marido téñoo sempre no corazón e sei que as cousas pasan porque teñen que pasar. Estoulle agradecida á vida polo que me brindou e polos anos que compartimos xuntos. Pola familia que creamos. Non me sento soa. Síntoo por el, por non poder estar gozando da vida que tanto amaba”.

En 57 anos de emigración pasan moitas cousas. Unhas boas e outras non tanto.
María H foi subdelegada de persoal. Unhas 70 persoas traballaron baixo o seu supervisión. Foi nesa época onde aprendeu o movemento dos sindicatos.

”Cando viñeron os militares dicían que era para parar o comunismo. Eu sabía que iso non era verdade e que non ía suceder xamais en Arxentina porque os propios traballadores e os pobres non o queren”.

Cando faleceu o seu marido, María H púxose á fronte da ferretería que ambos rexentaban. Segue traballando porque lle gusta socializar e porque encerrarse en casa restaríalle anos de vida. O seu corazón segue partido, do mesmo xeito que o de moitos emigrantes, principalmente o daqueles que, como o seu suegro, nunca regresaron a Galicia. Co seu marido adquiriu unha cabana na Sierra dos Pais, un marabillosa paraxe situada en Mar de Prata, a uns 400 Km da cidade de Bos Aires.

”Bos Aires e os seus arredores son un territorio moi chan. Cando viaxei por primeira vez co meu esposo á Sierra dos Pais díxenlle que se vía o mesmo paisaxe que desde a horta da miña nai. Segue sendo a miña pequena Galicia en Arxentina e vou sempre que podo e a situación de pandemia permítemo. Estar alí é rexurdir. É unha explosión de sentimentos, emocións e recordos que me axudan a vivir”.

María Hermosinda Amarelle é unha galega de corazón e unha arxentina de adopción. Ninguén lle ofreceu unha invitación para abrirse camiño neste país pero abríronlle as portas con solidariedade e gentileza brindándolle unha oportunidade. Agradecida e feliz co que a vida ofreceulle. Bota de menos ao amor da súa vida aínda que se sente arroupada polos seus fillos e os seus netos. Espera e desexa que a pandemia se erradique ou mellore e lle permita visitar de novo as súas orixes en Galicia para logo resgardarse baixo o seu tellado en Arxentina.

Hermosinda H con Xabier DiazHermosinda H con Ses
Hermosinda con Xabier Díaz ou con Sés

Comentarios