Mércores. 20.11.2019
El tiempo

Lou: “No Micro Aberto ten cabida calquera actividade artística que teña que ver coa arte, o respecto e o amor”

Lou: “No Micro Aberto ten cabida calquera actividade artística que teña que ver coa arte, o respecto e o amor”
Lou nunha das sesións do Micro Aberto O Casino 1889 de Carballo acollerá mañá a quinta noite de Micro Aberto, unha actividade altruísta na que calquera artista se pode expresar do xeito que queira. Está impulsada polo polifacético artista carballés Lou (Carballo, 1977). Con el falamos máis polo miúdo sobre este formato innovador.
  • En que consiste o espazo Micro Aberto?
É unha actividade altruísta, que se desenvolve dous xoves ao mes, na que os artistas soben ao escenario e poden expresarse da forma que eles queiran. Adoitan ser sobre uns oito ou nove de cada vez, cun espazo de quince minutos para cada un. Ten cabida calquera actividade artística que teña que ver co respecto e o amor.
  • Cantos artistas participaron xa nesta actividade? Cal é o perfil maioritario?
Deberon pasar como uns 60 artistas. Por agora, está habendo moita música e poesía. Tamén houbo teatro e un espectáculo máis relacionado co mundo esotérico.
  • Algunha sorpresa?
Si, estivo Nestor Pardo, que é un músico bastante potente a nivel nacional...ou Alejandro de Los Árboles. Tamén houbo sorpresas moi agradables de xente local que ao mellor pensabas que non tiña dotes para este tipo de cousas...pero que se soben ao escenario e descobres que si valen para isto. Hai xente moi boa, a verdade.
O tema é libre, non entende nin de política, nin de linguaxe nin de idioma
  • É necesario algún requisito para participar?
Si, o único requisito debería ser apuntarse no Facebook, na páxina ‘Micro Abierto del Casino 1889 de Carballo’ a través dunha mensaxe privada ou chamando ao teléfono que aparece alí reflexado. A persoa que estea interesada só ten que contarme a idea do que vai facer, pero repito, ten cabida todo o que teña que ver coa arte. O tema é libre, non entende nin de política, nin de linguaxe nin de idioma...
  • O público anímase a asistir?
Si, a xente está vindo, a pesares de ser un xoves en Carballo a partir das nove da noite. Tamén é certo que houbo máis afluencia de público ao principio, non sei se nos últimos xoves tivo que ver o tempo. Polo demais, sempre hai un descanso de dez minutos onde se dá un par de viños ou pincho a cada persoa, de balde. Logo os músicos pasan o cubo pedindo a vontade do público, que logo se reparten a partes iguais entre eles. Normalmente adoitan deixar o recadado para o Casino.
  • E porque no Casino?
O Casino é un sitio privilexiado para facer isto, ademais que en Carballo nunca houbo nada igual. Por iso creo que é moi importante promover esta actividade. É un lugar que sempre está en silencio porque non se usa amplificador nin nada, a xente está calada escoitando ao artista. Créase un ambiente moi máxico, unha cousa pura coma o teatro clásico!
Créase un ambiente moi máxico
  • Persoalmente, que te levou a emprender esta aventura?
A idea xurdiu porque eu non quería axudar ao Casino economicamente, pero si facelo programando unha actividade para xuntar xente, e na que tamén se están recadando cartos. É a miña maneira de axudalos sen diñeiro, pero con todo o meu esforzo (que pode ser catro veces maior). Porque hai que recordar que vivimos en Galicia, nun pobo como Carballo, onde a xente temos moito medo a saír a un escenario ou a poñernos diante de alguén para ler poesía. É unha realidade, como que estamos programados para outro tipo de cousas. Entón unha actividade destas de repente... se é gratis como que xa dá medo. No Fiot, por exemplo, aínda que custe 10 euros xa está petado...pero se xa pasa a ser de balde e, ademais, che regalan un viño xa pensas que pode estar envelenado, non? [ri] https://quepasanacosta.gal/a-semana-sen-fronteiras-xorde-para-dar-a-informacion-sobre-as-persoas-migrantes-que-os-medios-moitas-veces-ocultan-ou-manipulan/

Comentarios