“Non queremos escombreiras na Furoca”


O asunto da planta de residuos industrais da Furoca, San Paio, tomou protagonismo no pleno celebrado na tarde do xoves en Coristanco. A Plataforma na Defensa da Terra de Coristanco tomaron o pleno para berrar alto aos seus gobernantes que non queren “escombreiras”. A pesar de non poder falar nos plenos pola falta de regulación da participación veciñal, os membros da Plataforma quixeron deixar patente a súa opinión en contra do poñémico proxecto.
Un proxecto que quere coñecer máis polo miúdo o Deputado de En Marea, Antón Sánchez, que este venres visitou a planta promovida por Gesmaga. Antón Sánchez, deputado e Vice-Portavoz do seu grupo, mostrou dende os primeiros contactos da plataforma con el un grande interese en coñecer a problemática derivada da posible instalación desta planta de tratamento de residuos polas numerosas posibles irregularidades que presenta a actual nave de GESMAGA, ao non dispor de conexión a rede municipal de saneamento, ou polos problemas das arquetas derivadas da parcela no lado sueste da mesma, que derivan tubos que verten ás leiras próximas.
Dende a Plataforma informáronlle que na “mesma parcela, estivéronse (e estanse) a enterrar residuos da construción sen ningún tipo de medida de seguridade, cando que se saiba, na parcela existente actualmente, só existe licencia para tratamento de lodos, entre outras presuntas irregularidades no funcionamento da actual planta que, previsiblemente veranse incrementados se o concello e a Xunta de Galicia autorizan esta nova instalación”.

A visita deste deputado, Antón Sánchez de En Marea, e a vindeira do deputado do BNG permitirán que a problemática denunciada pola Plataforma na defensa da terra de Coristanco, teña unha importante resonancia no Parlamento Galego e que “estas iniciativas impidan que unha vez máis escuros intereses de particulares, co apoio do Partido Popular como foi no caso da actual planta de tratamento de lodos, vaian en contra dos lexítimos intereses da cidadanía e da veciñanza de Coristanco”, sinalan.
Novas relacionadas
- Marzo 2017: A Plataforma na Defensa da Terra de Coristanco di que a nave de Gesmaga carece de conexión á rede de saneamento.
- 06-02-17: Acoden á Xunta e á Valedora do Pobo para paralizar a Planta de Residuos Industriais da Furoca
- 23-01-17: Piden no Parlamento Europeo a cancelación defintiva do proxecto mineiro das 7 Julias.
- 30-12-2016: A nova Plataforma de Coristanco solicita información sobre a planta de compostaxe de San Paio.
- 20-12-16: Nace a Plataforma en Defensa da Terra de Coristanco para loitar contra a planta de residuos da Furoca.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).