Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O BNG de Coristanco esixe a dimisión inmediata de Pensado Plágaro trala apertura do xuízo oral

O BNG de Coristanco esixe a dimisión inmediata de Pensado Plágaro trala apertura do xuízo oral
Antonio Pensado Plagaro aspira a sua setima alcaldia co PP en Coristanco Antonio Pensado Plágaro

A apertura do xuízo oral contra Pensado Plágaro por “prevaricación e falsedade documental” dentro da chamada Operación Pataca, xa tivo a primeira contestación dos grupos da oposición. O BNG de Coristanco esixe a dimisión inmediata do actual tenente de alcalde Laura Mariño lembra algúns dos feitos que sucederon durante os mandatos de Pensado como alcalde polo Partido Popular, cargo que ostentou durante 24 anos, polos que a Fiscalía pide 4 anos e 6 meses de prisión e 36 anos de inhabilitación para o desempeño de calquera cargo público.

O BNG considera que “a demanda de dimisión está xustificada polo escándalo continuado e a alarma social que producen os feitos”.

Aproveita para pedirlle ao actual alcalde e socio de goberno de Plágaro, o expulsado do PSOE Abraham Gerpe, que “ se realmente busca a rexeneración da vida municipal e non é unha peza máis do sistema caciquil e de intereses ocultos instaurado, debe actuar diante destes feitos e cesar o seu socio de goberno de maneira inmediata”. Para Mariño, a declaracións públicas do alcalde durante estes días foron moi significativas e toda unha declaración de intencións: “apoio e respecto”.

Máis imputacións?

Vai máis alá Mariño e deixa a porta aberta a algunha nova sorpresa xudicial. “E temémonos que non serán estas as únicas acusacións contra Pensado. Lembremos que dentro da Operación Pataca hai outras pezas que seguen abertas relacionadas con presuntos delitos de fraude e malversación, como o pagamento de gasóleo C a un prezo excesivo, a adquisición dunha retroexcavadora por unhas cantidades moi superiores ás do mercado, o desvío de materiais de obra pagado polo Concello para familiares directos do naquel momento Alcalde ou a facturación de diversas empresas”.

Ademais o BNG pide que “se extreme o celo na vixilancia do trato dos membros do goberno municipal á secretaria do Concello, dados os antecedentes das situacións que viviu a secretaria e que están directamente relacionados cos feitos que levan agora a Antonio Pensado ao banco dos acusado”. O BNG recorda que a secretaria, cumprindo o seu papel como funcionaria pública, non só informou en reiteradas ocasións das posibles irregularidades que se estaban a cometer desde a súa chegada no ano 2011, senón que colaborou coa xustiza na investigación das mesmas. O desempeño do seu traballo, lembremos, xa lle ocasionou a apertura de varios expedientes no 2014 por parte do goberno de Pensado Plágaro que, finalmente, foron arquivados pola Dirección Xeral de Administración Pública. “A situación de acoso e derribo parece que se está volvendo a dar coa sociedade Pensado-Gerpe, nos mesmos termos que no pasado: persecución e represalias contra quen ten a función de que o goberno cumpra coa legalidade”.

Novas relacionadas

Novas de Coristanco

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios