Martes. 10.09.2024
El tiempo

O BNG presenta 20 enmendas aos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

O BNG presenta 20 enmendas aos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte
Serxio Dominguez Jorquera e Sande

Coñecíamos, en liñas xerais, non hai moito, os orzamentos da Xunta para o 2015. Uns orzamentos criticados pola oposición, na que o BNG xa prepara 20 enmendas, unhas enviadas dende o norte da bisbarra e outras dende o sur. Así a presentaban esta pasada fin de semana, con Serxio Domínguez como responsable do BNG Costa da Morte, e Xoán Manoel Sande, responsable do BNG de Bergantiños, acompañados por Francisco Jorquera.

Enmendas dende Bergantiños

Estas son as liñas das enmendas presentadas polo BNG de Bergantiños:

  • Dragaxe do porto de Laxe e actuacións para a recuperación da dinámica de litoral: 1.000.000 euros.
  • Variante de Carballo: 1.000.000 euros.
  • Travesías de Bértoa e A Casilla (Carballo). Dotación de beirarrúas, canalizacións, etc., en Bértoa e A Casilla (nas saídas de Carballo cara A Laracha e Coristanco), para posterior cesión ao concello de Carballo: 1.000.000 euros.
  • Circunvalacións Paiosaco e A Laracha (concello da Laracha): 500.000 euros.
  • Ampliación do Centro de Saúde da Laracha: 300.000 euros.
  • Proxecto abastecemento de auga en Lendo e Baldaio (A Laracha e Carballo): 100.000 euros.

Enmendas dende o sur da Costa

Mentres, dende o sur da volta, o BNG presenta as seguintes enmendas:

  • Inicio do contradique do porto de Fisterra: Nunha clara mellora das instalacións portuarias cara a seguridade e integridade das embarcacións pesqueiras que operan no Porto de Fisterra. Reivindicación histórica do sector pesqueiro de Fisterra, ao que no ano 2009 Portos de Galiza comprometeuse a executar presentando un anteproxecto. Conta cun acordo plenario de agosto de 2013, para reclamar ante a Xunta a súa construción, e a entrega de 250 sinaturas dos profesionais de Fisterra adicado ao sector do mar de Fisterra.
  • Centro de Saúde de Fisterra: A súa construción leva unha década de retraso. Comprometido dende o ano 2003, novamente en xullo de 2013 a Consellería de Sanidade comprometeuse a licitar a obra, que xa conta con localización para a súa construción antes de que rematara o ano, pero en setembro de 2013 anunciouse que finalmente non se licitaría. Reivindicación histórica da vila de Fisterra, e motivo de diversas iniciativas nos últimos anos do BNG de Fisterra.
  • Inicio das accións do Plan Monte Cabo Fisterra: Aprobado no 2009, a finais do ano 2012 presentouse o Plan director do Cabo de Fisterra, coma un documento básico de referencia para ordenar e xestionar o conxunto dos diferentes recursos cos que conta toda a área do Cabo de Fisterra, un dos lugares turísticos por excelencia da Galiza. A redacción de dito plan tivo un custe próximo aos 200.000 euros, no que se contempla un programa de medidas e accións que no seu conxunto estímase nun orzamento de duns 8 MILLÓNS de euros, desglosado en máis de 1.000 actuacións para a súa execución independente e progresiva. Urxe o inicio do desenvolvemento das accións do Plan Director do Cabo, co obxecto de contribuír a manter/lograr a distinción de Patrimonio Europeo con carácter definitivo, do que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa. A partir do ano 2014 dita distinción acadara carácter oficial por parte da Unión Europea, polo que se están revisando todos aqueles lugares actualmente distinguidos, a efectos de determinar que cumpren cos novos criterios establecidos dende Europa. O contar cunha partida económica de inicio de medidas de posta en valor do Cabo significará presentarlle ás autoridades europeas que se está facendo un esforzo inversor neste elemento patrimonial para que ofreza as mellores garantías de conservación e promoción.
  • Centro de Expedición de Mariscos Lonxa en Fisterra e promoción: Reapertura do Centro de Expedición de Mariscos da lonxa de Fisterra, xestionado pola Confraría de Fisterra, e pechado no segundo trimestre de 2013 por non poder facer fronte ao seu mantemento técnico e económico. O peche está a causar un importante prexuízo aos mariscadores locais e minoristas, véndose afectados máis de 60 profesionais, amais de provocar un deterioro na imaxe de produtos frescos de zonas A de marisqueo.O BNG de Fisterra xa presentou diversas iniciativas para a reapertura do centro, reclamando da Consellería de Medio Rural e do Mar a dotación económica necesaria para manter aberto e operativo dito centro de expedición.
  • Medidas de apoio á pesca e marisqueo artesanal na ría de Corcubión e Fisterra: Neste caso, fomentando unha experiencia demostrativa do fomento das actividades pesqueiras e marisqueiras artesanais en Rede Natura 2000, mediante a mellora do coñecemento e xestión no aproveitamento dos recursos naturais, a experimentación de novas técnicas de aproveitamento (por exemplo a combinación de modelos mixtos de extracción mediante apnea, ou melloras de sostenibilidade das embarcacións, e divulgación e fomento de boas prácticas pesqueiras para a protección de fauna mariña ameazada, (aves, cetáceos, coraisde auga fría en profundidade).
  • Inicio das accións do Plan Director do Cabo Touriñán: Cremos imprescindíbel a inicio da redacción dun plan director co obxecto de contribuír a lograr a distinción de Patrimonio Europeo, da que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa, e protexer definitivamente este espazo coas mellores garantías de conservación e promoción.
    O lograr a distinción do Patrimonio Europeo resultará fundamental para a dinamización económica dependente das potencialidades turísticas do Concello de Muxía. Resultaría moi beneficioso para a economía turística de Muxía e da Costa da Morte, un revulsivo para o sector primario e sector de servizos.
  • Escola Infantil en Muxía: A Galescola está en funcionamento grazas a vicepresidencia do goberno bipartito. Sen embargo o local non é o axeitado con deficiencias de seguridade, falla de espazo, etc...O concello asinou un convenio coa vicepresidencia cedendo un local municipal para este uso, mais o novo goerbno do Pp no 2009 non cumpre o convenio que segue sen se cumprir.
  • Acceso ao porto de Brens: A conexión do porto de Brens, co polígono empresarial, é impresindíbel para o desenrolo das actividades de ambas infraestruturas.
  • Financiamento das Escolas Taller: Financiamento de escolas taller para paliar os efectos da crise e da emigración na nosa comarca, e das taxas altas de desemprego.
  • Estudo de estratexia zona de actividade loxística do Porto de Brens: Estudo de Estratexia de Zona de Actividade Loxística do Porto de Brens, determinar as potencialidades de diversificacion e aproveitamento das instalacións portuarias como terminal de descargas especializada no ámbito da siderurxía, madeira, e apertura á mercancía xeral contenerizada.
  • Dotación praza cardiólogo Hospital de Cee: É unha vella demanda da bisbarra poder contar cun cardiólogo e non ter que desprazarse ate a coruña, cos gastos de diñeiro e tempo que conleva. O orzamento sería para o salario do especialista, mais a pequena infraestructura necesaria no hospital.
  • Saneamento en Lariño (1ª fase): Trátase de un proxecto de saneamento na parroquia de Lariño,está feito o proxecto no 2010, aprobado polo concello e demais trámites listos,pólo que só é preciso dotación económica.
  • Saneamento Ría de Corcubión: A contaminación existente na nosa ría, é o maior impedimento para a diversificación das actividades marisqueiras que noutrora se daban nela. Deste xeito, a posta en funcionamento da EDAR existente que recolle as augas fecais dos concellos de Cee e Corcubión, a mais da renovación  das canalizacións obsoletas, e a separación das augas pluvais das fecais, pasan por ser a única maneira de pór freo ao estado de semirruina da ría.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG .

Comentarios