Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70

O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70
Colexio da Picota-Mazaricos 2

Miguel Delibes na súa novela “El Camino” nárranos, entre aventuras estivais, as inquietudes e preocupacións de Daniel el Mochuelo. Un rapaz de once anos que cando chegue o outono terá que deixar a súa aldea para estudar nalgunha cidade máis ou menos próxima. Seus pais están empeñados en que “progrese”. O neno despois de botar contas, sete anos de bacharelato, outros tantos de universidade, pregúntase se hai algo na vida que requira tanto estudio e durante tanto tempo.

Seguramente se a historia continuara máis alá das andanzas e trasnadas de Daniel e dos seus compañeiros ao longo dese verán, sabería que nin sequera chega unha vida enteira para comprender a realidade que nos rodea ou para ter unha lixeira idea do inmenso caudal de coñecementos que nos foron legando as xeracións precedentes.

E falando do ensino e da súa importancia, eu hoxe quero rememorar aquí os primeiros anos do Colexio da Picota, ou mellor dito, tal como eu os vivín e como os lembro. Sempre coas correspondentes deformacións propias do paso do tempo e da nosa memoria selectiva.

A nosa aprendizaxe oficializada empezou na Escola de Abaixo. Así lle chamabamos  a aquela pequena edificación de planta baixa cun xeneroso soportal na súa fachada. Fora construída na saída da estrada de Beba para Irmandade de Labregos, pero ben pronto debeu deixar esta función para acoller en tan estreito espazo unha inmensa e heteroxénea humanidade que entre cantinelas, xogos e algún que outro moquete, aprendía que a terra era redonda ou que nunha suma a orde dos factores non altera o produto.

Un día do outono de 1973 soubemos que aquel curso non o rematariamos na nosa escola, senón que despois do Nadal estreariamos o novo e flamante Grupo, así lle chamábamos, sen máis. Recibimos a noticia con ledicia pero tamén con inquietude. Íamos deixar aquel espazo pequeno, frío e escuro; pero sempre animado pola nosa  enorme curiosidade e, máis alá das inevitables e puntuais xenreiras, por unha convivencia de grade familiaridade.

Pero retrocedamos aínda algo máis no tempo. Segundo comentarios, no deseño inicial que fixera o Ministerio de Educación en Mazaricos unicamente se tiña proxectado un agrupamento escolar enclavado no Pino de Val. Esta proposta non sentou moi ben nos medios sociais e políticos do Concello. Por unha banda, o que era alcalde naquel momento, Manuel Pérez Villaverde, tiña grande interese en que fora San Cosme o lugar escollido, e pola contra, as forzas vivas da Picota e arredores non podían permitir que a capital municipal fora marxinada de tal xeito. Despois dunha serie de propostas e contrapropostas, o Ministerio chegou a unha solución salomónica, contentando a tódalas partes implicadas.

A construción do colexio foi posible grazas ás xenerosas doazóns territoriais dos veciños da Picaraña (Cacheiro, Sevillano e Caamaño) e dalgúns da Picota (Arximiro de Cacheiro, Manuel da Irmandade e Erundina de Tanexo). Sen a súa desinteresada colaboración non sería posible a construción do centro, nin a ampliación para a EDUCACIÓN SECUNDARIA que se inaugurou no ano 2000.

A agrupación escolar tamén abriu para A Picota novas posibilidades urbanísticas coa apertura de dúas rúas necesarias para integrar unha instalación de tal envergadura no rueiro da pequena vila. Esta conexión viaria logrouse tamén grazas á contribución dos anteriormente citados e doutros moitos: María, José, Antonio e Manuel Jurjo Trillo; María e Felicidad González Jurjo, e José Fernández Montáns, coido que non esquezo ninguén.

Como xa dixemos, o colexio comezou o seu funcionamento despois das Navidades do curso 1973/1974. Nun principio unicamente cos rapaces das escolas unitarias da Picota, Atán, Abeleiras, Ponteolveira e Beba. Posteriormente e de forma progresiva durante uns tres cursos, non teño precisión de datas, sumáronse outras escolas: nunha primeira quenda chegaron os de Coiro e Xesto, noutra os de Cives, Olveiroa, Olveira e Regoelle, e xa os últimos en incorporarse foron os de Arcos. O resto do territorio municipal repartíase entre os outros dous colexios: Chacín, parte de Coiro e parte de Arcos ao do Pino de Val, desbordando os límites do Concello coa incorporación dalgún lugar de Valadares do veciño municipio de Outes. No colexio de San Cosme de Antes incluíronse as parroquias de Alborés, Antes, Eirón e Maroñas, e as limítrofes de Fontecada e A Pereira do Concello de Santa Comba; e Brandoñas e Brandomil do de Zas.

O primeiro día de clase empezou cargado Dun certo desacougo ante tantos cambios e novidades: deixariamos de ser aquela gran familia con rapaces de diferentes idades e niveis para enfrontarnos a novos compañeiros chegados doutras escolas, incluídas rapazas, xa que o novo colexio ía erradicar a segregación de xénero no ensino, e seguramente tamén nos atopariamos cun novo docente: profesor ou profesora. Pero a miña primeira preocupación estaba provocada polo descoñecemento da hora e do lugar en que nos ía recoller o autobús. O problema da hora solucionámolo miña avoa e máis eu: erguéndonos ao cantar do galo, que era o que acostumábamos en viaxes de máis longo alcance. En relación á parada, decidimos esperar no cruce da Retortas, viñera por onde viñera, por alí tiña que pasar. Levaba varios anos indo a pé á Picota e volvendo para Quintáns da mesma maneira, cinco días por semana e dúas veces por día, e agora resulta que estaba preocupado por non chegar ao coche. Seguramente o problema non era perder o autobús, senón quedar descolgado dun novo ritual. Cando un se enfronta a algo novo, esas primeiras tomas de contacto revístense coma nos grandes momentos da vida, dun sentido cerimonial, único e irrepetible; e eu daquela nova liturxia non quería perder nin un só xesto.

A pesar do desconcerto do primeiro día, o transporte escolar ía consolidarse coma un dos avances máis contundentes do cambio que se lle quería dar ao ensino público no medio rural, achegándonos a todos ao centro e aforrándonos moitas enerxías que antes gastábamos andando polos camiños, chovera ou quentara o sol. Daqueles tempos todos lembramos “A Pata”, un autobús dos primeiros que fabricou a casa Barreiros. Curtido en tódalas feiras e romarías da comarca. Viñera rematar os seus días, coma moitos maiores do País, rodeado de rapaces. Fora o ómnibus máis antigo da flota de Autos González, a empresa concesionaria do servizo, que lucía nos rótulos de tódolos seus coches o nome de Mazaricos  por onde queira que fóramos.

Relacionado co servizo de transporte, teño que apuntar aquí un caso que nos pasou aos rapaces de Quintáns un ou dous anos despois da apertura do centro. O autobús no que íamos xantar á casa deixábanos no cruce das Retortas, bastante lonxe do lugar e sen ningún abrigo para os días de choiva. A época das marquesiñas eu xa non a collín. Ante esta situación e supoño que despois de esgotar outros métodos, houbo asemblea de afectados (pais e rapaces) no curro de Ferradás, e logo dalgunha que outra división de opinións, decidiuse que se o coche non viña recollernos ao lugar, iríamos a pé. Así foi, aquel día fomos andando ao colexio, pero ao seguinte e tódolos que viñeron despois ata hoxe, o ómnibus recolleunos na Cancela da Agra de Piñeiro, na mesma entrada de Quintáns. Non sei se naquela “guerra” o noso inimigo fora a empresa de transportes, o colexio, os profesores (que para nós, mandaran ou non mandaran, eran os únicos interlocutores), ou o Ministerio de Educación, en todo caso, gañámola e boa lide e sen ningún castigo pola nosa acción antigobernamental.

O edificio que nos acolleu, se o observamos cos ollos e os coñecementos de hoxe, non era dende o punto de vista arquitectónico unha obra de singular interese. Ademais formaba parte dunha familia moi numerosa, con exemplares practicamente iguais en multitude de lugares, sometidos unicamente a uns pequenos cambios para axeitalos ás características de cada enclave. Ese carácter seriado engadido á súa marcada vocación  funcionalista, afogaban calquera intento de personalidade, de singularidade estética, dando como resultado un inmoble frío, estrito e previsible. De tódolos xeitos, para os rapaces que nós éramos daquela, desacostumados  ao trato coa grande arquitectura, máis alá dalgunhas viaxes a Santiago ou á Coruña; aquel edificio parecíanos dunha modernidade absoluta pola súa escala moi superior á das pequenas construcións das nosas aldeas; as liñas de forte horizontalidade que se prolongaban ata o infinito; ou aquel corredor central que funcionaba  coma un eixo espacial que, coa súa plenitude en altura, anchura e largura, era a verdadeira columna vertebral  do edificio. Coma  se dunha praza pública se tratara, alí concorriamos todos varias veces ao día: para entrar nas aulas, para ir aos servizos, para acceder ao comedor, para saír aos patios, para marchar para a casa, et. Esta gran galería estaba limitada á esquerda polos servizos e polas  aulas; estas situadas a dúas alturas e comunicadas a cada treito por escaleiras. Á dereita e cun só andar, aliñábanse o resto das dependencias complementarias: dirección, administración, sala de profesores, taller  de pretecnoloxía, laboratorio de ciencias, aula de música, biblioteca e comedor.  Este carácter aberto do corazón do edificio, víase amplificado na parte posterior polos tres patios aglutinados arredor de amplas zonas descubertas de xogo, e  pola casa do conserxe, ocupada dende os primeiros tempos por Antonio Calo Seoane, xubilado dende hai algúns anos. Sempre foi unha presenza próxima e amigable  coa que podíamos contar para dirimir algún pequeno problema  entre alumnos ou para interceder diante dos profesores por algunha cousa de maior calado.

O equipamento do centro naquel primeiro curso era bastante escaso, a maioría do amoblamento das aulas fora aproveitado das nosas escolas unitarias, e coido que ata o seguinte ano non contamos con material  moderno en sintonía co novo espazo: franco, dilatado, luminoso e con calefacción.

Colexio da Picota-Mazaricos

Como xa dixemos, o colexio asentábase sobre unha parcela moi ampla, accidentada pero con capacidade para varios campos de xogo. Aínda que no momento do inicio da actividade docente só eran unha promesa, foron os nosos pais os que se encargaron de materializala. Organizados en cuadrillas dirixidas e ordenadas  por Don Luís  Cerneira  Tanoira, encargáronse de poñer orde e concerto naquela pronunciada pendente. Durante días estiveron retirando pedras, movendo terras, achandando e  compactando o chan, ata lograr partillar gradualmente en catro niveis aquel inmenso terraplén, que deixou sitio para dous campos de fútbol, unha pista alternativa para baloncesto, balonmán e brilé; un campo de voleibol e amplos espazos complementarios dos tres patios

E xa para rematar este percorrido polas instalacións docentes, lembrar o xardín tanxente ao colexio á dereita da súa fronte principal. Alí temos celebrado o día da árbore con algunha plantación simbólica e con lecturas poéticas incluídas.

Cando a actividade docente xa estaba  normalizada e contábamos co equipamento axeitado, veu o Gobernador Civil da Coruña  inaugurar oficialmente o centro. Os profesores formaron a tódolos alumnos en dúas filas, unha a cada lado da rúa de acceso ao colexio para darlle as vivas ao representante gobernativo. Cando chegou, ademais dos aplausos  de rigor, segundo ía avanzando en dirección á entrada, a cada treito un rapaz  berraba “¡Viva el  Señor Gobernador!”, e todos contestábamos a  coro: ¡Viva!. No grupo en que estaba eu foi Carlos da Parrillada o encargado de gritar só, e  nós, como non, fixemos coma  os máis.

Despois desta calorosa benvida, a comitiva introduciuse no colexio, e xa non lembro máis nada. Non sei se aos máis pequenos nos marxinaron de parte do programa e foron os de máis idade os que tiveron un papel de maior protagonismo. Por non recordar, nin sequera lembro se o Señor Gobernador cortou a obrigada cinta de tódalas inauguracións. Logo deste acto protocolario xa formabamos parte da inmensa rede de centros impulsada dende Madrid polo ministro de educación José Luís Villar Palasí. Un intelectual que coa oposición da maioría dos poderes franquistas, dos colexios privados e do Opus Dei, logrou a renovación do ensino primario e secundario; con el naceu a EXB e o BUP da man da “Ley General de Educación de 1970” que propugnaba o ensino gratuíto e obrigatorio ata os catorce anos, e que poñía os medios económicos, infraestruturais  e humanos necesarios para que esa gratuidade e obrigatoriedade foran viables.   

Coa chegada paulatina de alumnos doutras escolas unitarias, o chamado taller de “pretecnoloxía” e a aula de música, ben pronto deixaron esta función para facerlle sitio aos rapaces de sétimo e oitavo curso. A xenerosa natalidade dos anos sesenta desbordou as previsións máis optimistas dos planificadores ministeriais.

Aínda que no meu caso se deben contar cos dedos dunha man as veces que comín no colexio, os que vivíamos máis cerca do centro íamos xantar á casa. O certo é que naqueles tempos pretéritos, o comedor era unha peza fundamental que contou dende o principio cos saberes dunha experta cociñeira, señora Margarita, hoxe xa falecida e á que lle dedicamos dende aquí o noso recordo máis afectuoso. Tiña unha longa experiencia servindo comidas, primeiro na casa do Relo e despois na de Cacheiro. Axudaban tamén no comedor, señora Felicidad do Conde, xubilada hai algúns anos; Hermosinda, a muller de Antonio o conserxe, e posteriormente Palmira do Zapateiro. Os rapaces maiores tamén colaboraban, adiándose para poñer as mesas, servir a comida e recoller todo. Cando a cociñeira decidía facer cocido, eran os propios alumnos, os que de forma intermitente traían, acabado de pillar nas súas hortas pola fresca da mañá, un mando de verdura do tempo: grelos, nabizas, coles ou repolo. ¡Si, si, eran outros tempo!

O colexio, coma todo organismo vivo, era sensible aos aires políticos da época. Coa morte de Franco fomos tomando conciencia dos novos tempos que se aveciñaban, onde a liberdade e a democracia xogarían un papel fundamental, empezando polas propias aulas coa elección do/a delegado/a de curso.

Un día apareceu colgado da parede do corredor central un cadro confeccionado polos alumnos de oitavo, representaba o mapa do Concello de Mazaricos. Sobre papel castaño de envolver, recortaron a silueta do municipio; con cinta adhesiva branca, foron trazando as diferentes vías de comunicación; con rotulador azul debuxaron a rede fluvial; e, non sei con que cor, indicaron os nomes dos núcleos de poboación. Era aquela a primeira visión de Mazaricos que tíñamos a maioría dos rapaces. Dende ese momento xa podíamos ter unha idea máis clara de onde estaban os lugares que non coñecíamos e nos que vivían algúns ou algunhas dos/as nosos/as compañeiros/as: A Gándara, O Fieiro, Campelo, O Niñán ou Godón. Porque outra das bondades que nos trouxo o colexio, foi unha maior socialización ao trocar aquela atomizada rede de escolas unitarias pola nova agrupación, moito máis en sintonía coa realidade do noso Concello. Coido que esa proximidade ao Mazaricos real, unida á liberdade que empezábamos a gozar, foron fundamentais para a asunción dun mazaricanismo máis activo por parte das xeracións educadas no novo centro.

A estas alturas do relato algún lector podería preguntar se me esquezo dos profesores, non, non me esquezo, agora imos con eles. Algúns pasaron polas nosas vidas sen deixar practicamente pegada, outros inspiráronnos algún que outro sentimento negativo. De calquera destes grupos nada temos que dicir. Queremos lembrar só aqueles de dunha maneira ou doutra contribuíron, máis alá deste ou daquel coñecemento concreto, á nosa formación. Hai unha serie de profesores que non me deron clase pero que son de cita obrigada. Don Francisco Calo, o decano do equipo docente ; Dona Josefa que proviña da escola de Abeleiras e que se xubilou dando clases no colexio; ou Don Ernesto Lamas, foi o primeiro director e tiña un carácter contundente, moi axeitado co cargo que desempeñaba.

A Dona Manuela Rodríguez del Río que foi a miña primeira profesora no colexio, teriamos que darlle o premio á fidelidade, pois permaneceu no centro dende o día que abriu ata a súa xubilación fai moi poucos anos. O seu labor foi importantísimo dentro daquel primeiro curso. Unicamente temos que pensar que chegamos de diferentes escolas, cada unha co seu mestre, e cada mestre co seu libriño. Había que facer unha posta en común, compensar os desaxustes e equilibrar o grupo. Coido que Dona Manuela logrou este obxectivo e púxonos a todos en posición de “progresar adecuadamente”.   

Don Luís Cerneira Tanoira era un caso aparte. En primeiro lugar fora o noso profesor na Escola de Abaixo, con el viñéramos para o colexio e alí sempre desempeñou un papel importante, incluso nos primeiros tempos en que estaba de director Don Ernesto Lamas. Percibiámolo coma o árbitro de tódalas situacións. E xa á fronte do claustro, era a figura indiscutible, sempre con novas ideas e importantes obxectivos para mellorar o colexio a tódolos niveis. En segundo lugar era un excelente profesor que sabía mesturar axeitadamente un alto grao de amizade cos alumnos e unha actitude pedagóxica seria e esixente.

Dona Ángela María Martínez Jiménez, a miña profesora de 5º curso, era unha bendita persoa, unha alma anxelical, delicada e moi piadosa. A min tíñame engaiolado co seu amor polo debuxo, os traballos manuais e a historia. Aprendín moitas cousas con ela e recórdoa con moito cariño.

Don Marcelino era un estupendo profesor, cun discurso sinxelo, austero, nada efectista e moi próximo á realidade dos seus alumnos, aínda que moi pouco dado a crear complicidades con eles.

Coido que tódolos alumnos que tivemos o pracer de ter como mestre a Don Constantino Covas García, nos doemos de que permanecera no colexio un curso unicamente. Grazas a el descubrimos a existencia dunha Galicia de importante personalidade cultural, cunha fonda raizame histórica que non saía nos libros e que, coido, foi a orixe dalgunhas das posicións ideolóxicos que asumimos posteriormente.

De Dona María del Carmen Iglesias Oreiro o que máis sinto é non ter aproveitado minimamente as súas clases de francés. Pola contra, penso que estiven máis atento a outros coñecementos, menos canónicos quizais, pero igualmente enriquecedores. Lembro con moitísimo gusto os debates que nos propuña, algúns tan adiantados como o da eutanasia, iniciado a raíz dun artigo que nos leu sobre unha moza americana que entrara en estado de coma irreversible. Outros tan candentes coma o do racismo, aproveitando a emisión televisiva de “Kunta Kinte”. Xa comprendiamos menos a súa teima pola paisaxe castelá. Mais falando de paisaxe, este que escrebe, sempre atendeu as súas recomendacións para que víramos na pequena pantalla a serie de Antonio Gala: “Paisaje con figuras”. Lembro moitas daquelas recreacións, en especial a de Rosalía de Castro e a de Pizarro, aquel rapaz pobre que daba conta dos porcos nun “encinar” e soñaba con conquistar imperios. Acórdome que nos falou tamén da estrea de “EL espíritu de la colmena”, onde nunha historia de ton menor había resonancias da Guerra Civil e da represión franquista. Un día leunos un conto que podería titularse “Á procura da camisa do home feliz”, ou algo parecido. Onde un príncipe dun exótico reino atopábase afectado por unha estraña enfermidade; despois de moitas prescricións sen resultados positivos, unha especie de mago aseguroulle que o seu mal só se curaría se lograba vestir a camisa dun home que se considerase feliz.  Aínda que naquel momento non me quedei co autor, co tempo descubrir que era do pai Coloma, un xesuíta metido a escritor que tivo moito éxito na España da Restauración. Foi unha historia que me gustou tanto que levo uns corenta anos contándoa sempre que atopo un pretexto para facelo. As clases de dona María del Carmen eran un mundo.

Don Jesús Abeijón incorporouse ao claustro de profesores no meu último curso de EXB (1978/1979), impartíndonos a materia de historia. Era un mestre cunha grande preparación e moi amigo de achegarnos os datos máis áridos do temario con exemplos que nos resultaran próximos e suxerintes.

Don Manuel Caamaño impartiunos con moita entrega e sobrada solvencia clases de ciencias, matemáticas e ata de traballos manuais nalgunha ocasión. Foi o noso titor en oitavo curso, levando o peso de todo o relacionado coa excursión de fin de curso. Para procurar os cartos necesarios, vendemos lotaría, rifamos unha cesta de Nadal, e coa axuda de Don Xosé Taxes, un profesor muradán da primeira etapa, conseguimos que o grupo de teatro CANDEA de Noia, representara unha obra de teatro a beneficio da viaxe. Esta agrupación dramática  xa viñera a Mazaricos, e polos mesmos motivos. A idea xurdira no curso anterior e nós recuncamos. Polo tanto, actuaron nos anos 1978 e 79 representando “Noite de lobos” e “O mestre”, as dúas escritas e dirixidas por XOSÉ AGRELO. Para tal fin contamos nas dúas ocasións coa colaboración desinteresada de meu tío avó Antonio do Relo, que nos deixou a Sala de Festas da Picota. Non era a primeira vez nin sería a última en que aquel entrañable e acolledor recinto festivo solucionaba a carencia dun axeitado salón de actos. Contamos con aquel espazo en numerosas festas de fin de curso ou en actos relacionados cos Xogos Comarcais, dos que falarei deseguida. Volvendo ao teatro, as representacións acadaron un cheo total e lograron un grande éxito. Eran aquelas as primeiras actuacións dramáticas que se facían no noso Concello e que afianzaban ao colexio coma un importante e dinámico axente cultural.    

Don Luís Fernández García, outro estupendo profesor que nos impartía historia e música. Relacionado con esta última disciplina temos que lembrar aquí, que el foi o impulsor e director dun coro escolar bautizado co nome de “AIRIÑOS DA ROMAXE. Actuando en actos relacionados directamente coa vida escolar, pero tamén nas cerimonias relixiosas de confirmación das parroquias de Beba, Corzón e Mazaricos. Harmonizando a presenza de monseñor Rouco Varela que, como bispo auxiliar de Santiago,  nos impuña os santos óleos  impregnándonos unha cruz na fronte.

Como prometín algunhas liñas máis arriba, teño que falar dos Xogos Comarcais. Consistían nunha serie de probas deportivas (atletismo, brilé, fútbol,…), e culturais (redacción e debuxo), nas que participaban os colexios de Santa Comba, Negreira, A Baña e os tres de Mazaricos. Cada ano se celebraban nun centro diferente, supoñendo para os alumnos unha celebración festiva e para o claustro organizador, unha responsabilidade e unha mostra do seu bo facer.

E para rematar, que isto estase saíndo das marcas,  dicir que a apertura do colexio, con tódalas melloras infraestruturais e de medios didácticos, unidas a un equipo de profesores novo, dinámico e disposto en todo momento a ceder moito do seu tempo libre en beneficio do alumnado, lograron que moitas xeracións de mazaricáns non tiveran que deixar a súa casa para estudar  unha parte importante do antigo bacharelato lonxe da súa aldea e dos seus amigos para poder “progresar”, como lle pasou a Daniel el Mochuelo . Pero tódolos que vivimos aquela época tamén lembramos a rigorosa división dos patios de xogo por xéneros, a formación disciplinada á entrada e á saída das aulas ocupando unicamente a cuarta liña de baldosas, o uso obrigatorio dos correspondentes mandilóns, e ao  primeiro director gritando polos corredores: “¡toallitas, que sois todos unos toallitas!”.

Dende que eu abandonei o colexio pasaron moitos anos e moitas cousas. Agora tócalle contar as experiencias  desas tempadas ao alumnado que as viviu.

Ah!!!, esquecíame, o home procurado polo príncipe para sandar da súa doenza precisaba tan pouco para ser feliz que nin tan sequera tiña camisa.

   
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

https://quepasanacosta.gal/tania-fuegho-o-lume-creativo-de-mazaricos/ “Pero onde está Mazaricos?” — Que pasa na costa

  

Comentarios