Ana Oca e o pobo de Muros dan o salto ao Festival Internacional de Cine de Shanghái con "A illa das mentiras"
-
A gran estrea nos cines de Galicia será o vindeiro 2 de outubro
Como xa falábamos hai unhas semanas, "A illa das mentiras", é un thriller sobre o afundimento do buque "Santa Isabel" fronte ás costas da illa Sálvora en 1921. Este filme, no que se gravaron varias escenas en Tal e Muros e que conta como protagonista coa actriz ceense Ana Oca, chega agora ata China.
A ópera prima de Paula Cons vai participar na 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF), o festival máis importante de Asia e o único festival de China de clase A. A película participará na sección oficial "Golden Globet Award" do certame.
Este festival sempre adoita celebrarse en xuño, mais debido á Covid-19, tivo que pospoñerse. Deste xeito, celebrarase dende o vindeiro 25 de xuño ata o 2 de agosto. Tamén cómpre lembrar que mañá, un día antes de que comece o festival, o filme estréase na plataforma Filmin.