O FIOT adica a súa XXIII edición os grandes clásicos
12:00 20/07/14
Xa imos sabendo algo dunha das citas do outono agaradadas por moitos de nós. Coincidindo co 450 aniversario do nacemento dun dos dramaturgos máis universais, Shakespeare, a 23 edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) ofrece como liña argumental un encontro co teatro clásico desde unha perspectiva contemporánea. Como novidade este ano, a temática foi consensuada entre os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte, entidade coorganizadora do festival xunto co Concello de Carballo.
As montaxes elixidas para dar forma ao programa deste ano son versións actualizadas e actuais, en liña co espírito do FIOT, de obras de autores como Cervantes, Lope de Vega ou do recoñecido dramaturgo inglés nas que directores e equipos artísticos serán os artífices de trasladar os referentes ao noso tempo. Como xa é tradición, a programación do Outono de Teatro desenvolverase durante todo o mes de outubro en Carballo.
Cartel
O cartel do XXIII FIOT xa está moi avanzado, faltando só as últimas negociacións para pechar a oferta deste 2014.
Dúas das compañías que xa están confirmadas pola organización son a emerxente Voadora e a xa consolidada Ron Lalá, ganadora do Premio do Público 2013. A primeira traerá ao Pazo da Cultura A tempestade, de Shakespeare, un montaxe de gran formato chamado a ser o referente na escena galega desta tempada. Recentemente, estreada no festival portugués Gil Vicente, a obra presentarse tamén noutras citas en Galicia e España. Nos pasados Premios María Casares, Voadora e a súa produción Tokyo 3 foron os grandes triunfadores da gala con cinco galardóns (maquillaxe, vestiario -compartido-, iluminación, música orixinal, escenografía e dirección para Marta Pazos). Foron tamén finalistas do Premio Max 2013 Mejor Espectáculo Revelación.
O humor intelixente e a linguaxe escénica de marca propia dos madrileños Ron Lalá volverán este ano, por cuarta vez, ao FIOT co seu espectáculo máis recente coproducido coa Compañía Nacional de Teatro Clásico En un lugar del Quijote. En 2013 representaron a aplaudida Siglo de oro, siglo de ahora (Folía); en 2011, Time al tiempo; e en 2009, Mundo y final. Ron Lalá, ganadora do Max 2012 como mellor produtora privada, foi finalista ao mellor espectáculo de Teatro Musical 2013 con En un lugar del Quijote, unha versión libre con mirada contemporánea á obra de Cervantes dirixida agora por Yayo Cáceres. A súa exitosa xira inclúe os máis importantes festivais de teatro clásico de España con parada en Carballo.