O plan de emprego da Deputación crea máis de 140 postos de traballo da comarca
07:07 10/11/16
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo unha
Unhas 141 persoas dos concellos da bisbarra acaban de firmar un contrato de traballo grazas ao Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019 impulsado pola Deputación da Coruña e que supón un investimento na zona de 652.441,95€. O seu presidente, Valentín González Formoso, presentou onte os primeiros resultados deste impulsado polo goberno provincial cun orzamento de 30 millóns de euros durante o presente mandato para estimular a creación de novos postos de traballo nos sectores público e privado, apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia, e unificar todas as accións da Deputación en materia de emprego.
Nos seus primeiros meses de actividade, a través da liña de apoio ás contratacións nos concellos, o PEL da Deputación permitiu a inserción laboral de 519 persoas nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, incrementando nun 138% as contratacións acadadas cos plans de cuadrillas municipais existentes ata o momento, que supuxeron a creación de 218 empregos en 2015, segundo os datos facilitados por González Formoso, que se mostrou “moi satifeito” cos resultados desta primeira liña do PEL “que nos anima a avanzar”.
O éxito desta primeira liña do PEL non é só cuantitativa, senón cualitativa; xa que por primeira vez as bases do plan estipulan que as persoas contratadas polos concellos deben pertencer a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, apuntou o presidente da Deputación, que detallou que arredor do 70% dos contratados son homes e o 30% mulleres e que a maioría dos contratados son parados maiores de 45 anos - 292 persoas - e persoas con máis de dous anos en situación de desemprego - 61 -. Entre os seleccionados hai tamén persoas con discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os membros da unidade familiar en paro e vítimas de violencia de xénero.
Por comarcas, a máis beneficiada por esta primeira liña do PEL foi a de Compostela, coa creación de 129 empregos, seguida de Bergantiños (127), Ferrolterra (103), A Coruña (81) e Barbanza (79).
Plan de emprego por concellos
Premio ás mellores iniciativas empresariais
Por outra parte, González Formoso deu a coñecer tamén a convocatoria da primeira edición do premio á mellor iniciativa empresarial da provincia, unha nova acción incluida dentro do PEL que, ademais de recoñecer e promocionar o traballo realizado por empresas e emprendedores coruñeses, pretende contribuír ao crecemento e desenvolvemento das mesmas cun galardón de 50.000 euros en metálico, dividido en dúas categorías.
A primeira categoría - 25.000 euros - está destinada a novas iniciativas empresariais, cunha traxectoria de menos de doce meses dende o inicio da súa actividade, mentres que a segunda (tamén cunha dotación de 25.000 euros) recoñecerá a mellor iniciativa empresarial consolidada entre pemes, microempresas, emprendedores e autónomos con máis de cinco anos de actividade empresarial.
O xurado estará composto por representantes da Deputación, das Cámaras de Comercio e universidades da provincia e das asociacións e federacións de empresarios e emprendedores e, entre os criterios que se terán en conta para a concesión figuran cuestións como o grao de innovación, a valoración da idea de negocio e as súas posibilidades de expansión ou as políticas de responsabilidade social corporativa da empresa.
Novas relacionadas
- O paro sobe en outubro na Costa da Morte
- Zas abre un ciclo de talleres para axudar a buscar emprego
- O paro medra na bisbarra tras o remate da tempada estival
- Xullo remata con case 700 parados menos na Costa da Morte
- O paro baixa en 600 persoas na Costa da Morte durante o mes de xuño
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña