Mércores. 17.04.2024
El tiempo

"O ollo morado ou o bofetón son tan só a punta do iceberg"

"O ollo morado ou o bofetón son tan só a punta do iceberg"

Poñemos o broche final a esta intensa tempada de #DirectosQPC con feminismo. Desta volta falamos sobre a violencia de xénero e de que maneira afectou ás mulleres costeiras durante o confinamento. Coma nas últimas citas, tivemos o pracer de compartir pantalla con Patricia Vaquero, socióloga especializada en xénero de Nos igualdade, e representantes dos colectivos feministas da nosa zona: Marta das Curandeiras de Vimianzo, Esther de Buseranas, Ángela de Sonlilá e Inés do Círculo Feminista de Carballo.

O faladoiro comezou coa intervención de Patricia, amosando e explicando os datos das respostas que recibiu no seu cuestionario sobre o impacto que tivo o Covid-19 na igualdade de xénero na Costa da Morte.

Desta vez, a diferencia das outras preguntas relacionadas co mercado laboral e os coidados, a participación na área da violencia de xénero foi moito menor. Tan só arredor do 18% das mulleres que fixeron a enquisa contestaron a esta parte. Un dato que sorprende e do que Patricia saca tres conclusións: “Pode ser realmente que as mulleres que non contestaron non sofren violencia de xénero; que evidentemente a sofren e a identifican pero non se atreven a verbalizado e expoñelo a pesar de ser anónimo; ou, unha terceira opción é que realmente non a identifican. Non son conscientes de que hai certos comportamentos que elas sofren e que son violencia de xénero”.

Nunha idea xeral, a opción tórnase máis ben cara a última das opcións que enumera Vaquero, xa que unha gran porcentaxe de xente non é capaz de recoñecer que certos comportamentos poidan ser violencia de xénero. A crenza xeral inclínase á idea de que violencia de xénero tan só é un ollo morado, un bofetón ou un empurrón. Mais a realidade é que existen diferentes tipos de violencia ademais da física, como poden ser a verbal ou a psicolóxica.

Entre todas reflexionaron nas causas e consecuencias deste fenómeno e puxeron a mirada noutros factores e conductas más desapercibidas que tamén son violencia de xénero. Deste mesmo xeito, resaltaron a importancia de tecer unha rede de apoio entre mulleres para comprender a nosa realidade e avanzar na reivindicación da igualdade entre homes e mulleres.

ANTERIORES DIRECTOS EN CLAVE FEMINISTA

Comentarios