Martes. 19.03.2024
El tiempo

"A feminización dos coidados xa estaba, non a trouxo o Covid"

"A feminización dos coidados xa estaba, non a trouxo o Covid"

Rematamos a última semana de #DirectosQPC de maio en clave feminista. Neste novo faladoiro contamos coa presenza de Patricia Vaquero, socióloga especializada en xénero, coa que xa falamos hai dúas semanas sobre a análise que está a facer sobre o impacto que ten o Covid-19 na igualdade de xénero na Costa da Morte. Ademais, desta volta tamén tivemos connosco a representantes dos colectivos feministas da Costa: Esther de Buseranas, Inés do Círculo Feminista de Carballo e Marta das Curandeiras de Vimianzo. Tiñamos previsto que asistise tamén Marupe de Sonlilá e así ter a alguén de todos os grupos feministas que temos na zona, mais non puido ser debido a problemas técnicos.

Nesta cita o tema principal sobre o xirou este faladoiro foron os coidados. Todas comezaron contando cales foron as súas experiencias en materia de coidados e reflexionando sobre os problemas que ocasionou o confinamento neste sentido, non só a nivel persoal, senón tamén expoñendo os testemuños doutras compañeiras.

Unha das reflexións que sacaron entre todas foi que durante o confinamento, un dos problemas máis salientables foi que as mulleres foron quen asumiron o rol de coidadoras dende todos os ámbitos, sen deixar tempo para coidarse a elas mesmas. Mais o problema non quedou aí, senón que agora, coa desescalada, tampouco mellora xa que, tal e como apunta Marta das Curandeiras: “Os nenos seguen na casa, a xente ten que incorporarse aos seus postos de traballo e non hai a quen deixarlle os fillos”.

É por iso que semella que o lema das manifestacións do 8M, “Sen coidados non hai vida”, foi totalmente premonitorio da situación que se nos viña enriba. A feminización dos coidados xa era unha problemática que se encontraba presente na nosa realidade pero que o Covid e o confinamento fixeron que se visibilizase moito máis.

Patricia, analizando as respostas do seu cuestionario, contou que o 85,2% das mulleres da Costa afirmaron que se ocupaban maioritariamente das tarefas do fogar xa antes do Covid e moitas delas pasaron a asumir o 100% desas responsabilidades durante o confinamento.

Incluso, nos casos nos que si había un reparto máis ou menos equitativo, moitas delas seguían asumindo a carga mental que supoñen os coidados. Algo que chega a xerar tamén agobio e frustración.

O curioso de todo isto é que, aínda que o reparto das tarefas non fose equitativo e a raíz do confinamento as mulleres asumisen toda a responsabilidade, practicamente o 70% delas contestaron que estaban satisfeitas ou moi satisfeitas con iso.

Está claro que esta situación estivo a retroalimentar os roles de xénero e, para combatelo, a principal conclusión á que chegaron sobre o que hai que facer é deconstruír, mais non é tarefa fácil. “Decontruír é un gran traballo porque todo canto che meten dende o disco duro, dende pequena, iso hai que resetealo”, explica Esther de Buseranas.

Pola súa parte, Inés do Círculo Feminista de Carballo apuntou que mesmo para as que eran conscientes desta desigualdade, “mudar esa situación moitas veces leva a cabo ter que confrontalo cunha parella, un familiar e as discusión posibles que iso pode xerar, polo que é complicado".

Anteriores directos en clave feminista

Comentarios