Martes. 16.04.2024
El tiempo

Os sindicatos agrarios alertan da grave situación de 600 explotacións e 3000 autónomos

Os sindicatos agrarios alertan da grave situación de 600 explotacións e 3000 autónomos

Os secretarios xerais do Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores -Isabel Vilalba, Roberto García e Francisco Bello, respectivamente- reuníanse onte no salón de plenos da Casa do Concello de Carballo coa maioría dos alcaldes ou tenentes de alcalde dos municipios da Costa da Morte. E o facía para expoñerlles a difícil situación pola que atravesa o sector lácteo galego.

Entre as medidas que solicitan os sindicatos, está a de acadar o apoio institucional dos concellos para reivindicar ante a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente un prezo do leite igual ao do resto das comunidades autónomas, xa que en Galicia é o máis baixo de todo o Estado e incluso da Unión Europea, tendo o produto a mesma calidade, ou incluso superior. Este apoio plasmaríase na aprobación de mocións a prol do sector leiteiro nos plenos municipais. Hai que lembrar na Costa da Morte hai rexistradas arredor de 600 explotacións que están padecendo esta situación.

Por exemplo, en abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9 euros por cada 100 litros, que está un 5,68 por cento por baixo do prezo medio estatal e un 15,06 por cento por baixo do que perciben os produtores andaluces.

As diferenzas de prezo entre comunidades autónomas danse incluso entre gandeiros que entregan á mesma empresa. A proposta que pregan que se inclúa nunha moción presentada polas distintas corporacións municipais solicita o seguinte:

  • Instar á Xunta de Galicia a que lles esixa aos ministerios de Agricultura e Economía para que non permitan que a distribución francesa e alemana nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a custa de arruinar zonas produtoras como Galicia.
  • Solicitar do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo que lidere, como máximo responsable da Comunidade Autónoma con maior produción de leite do Estado, o impulso de normativas, como a do Contrato Lácteo, que permitan a negociación colectiva de prezos a través de organizacións de produtores.
  • Pedir ao presidente da corporación municipal que subscriba a moción que traslade á Consellería de Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de terra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a súa rendibilidade e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios