O paro sobe en agosto na Costa da Morte e evidencia a dependencia estacional do emprego
O último informe do SEPE correspondente ao mes de agosto de 2025 confirma que a comarca da Costa da Morte sofre un novo repunte do desemprego coincidindo co fin da campaña estival e a Unión Sindical Obreira en Bergantíños analízao.
En conxunto, a Costa da Morte supera amplamente os 4.300 desempregados en agosto, cunha incidencia especialmente elevada en Carballo, Cee e A Laracha, que concentran máis do 50 % do paro comarcal.
Segundo os datos oficiais, o paro rexistrado acada as seguintes cifras nos principais municipios:
| Concello |
Parados rexistrados (Agosto 2025) |
| Carballo | 1568 |
| A Laracha | 342 |
| Coristanco | 236 |
| Cabana de Bergantiños | 100 |
| Malpica de Bergantiños | 212 |
| Ponteceso | 153 |
| Laxe | 101 |
| Camariñas | 198 |
| Muxía | 111 |
| Cee | 309 |
| Corcubión | 61 |
| Fisterra | 132 |
| Carnota | 108 |
| Dumbría | 83 |
| Vimianzo | 184 |
| Zas | 107 |
| Mazaricos | 75 |
Dende o sindicato USO apuntan que "a estrutura económica da Costa da Morte depende en exceso do emprego estacional vencellado ao turismo e á hostalería. A falta de plans de emprego estables, de diversificación económica e de aposta por sectores sostibles converte cada final de verán nunha crise recorrente para milleiros de familias"
"Non se pode seguir confiando unicamente no turismo como motor económico", aseguran, e piden plans comarcais de emprego que impulsen a industria, o sector primario e novas actividades produtivas; formación adaptada para mocidade e parados de longa duración, facilitando a recolocación e estabilidade e maior implicación dos gobernos, evitando que a Costa da Morte quede rezagada nos indicadores de emprego galegos.