Os percebeiros plántanse ante o novo Plan de Explotación: ”Nestas condicións de traballo énos imposible”
Xa avisaron en setembro, pero nin as últimas reunións celebradas na Consellería (con partipación das confrarías de Fisterra, Camariñas, Muxía, Camelle, Corme, Ferrol, Caión…) serviron para botar atrás á Xunta na súa proposta do Plan de explotación de percebe 2025-2028.
A Xunta aproveita estas datas nas que o percebe ten o prezo poas nubes, esquecendo que non hai relexo xeracional, para dar un novo pau ao día a día dos percebeiros, mesmo coa prepotencia dalgún responsable de Pesca que lles espetou que “se ía poñer de percebeiro”. As Agrupacións de Percebeiros estudian mesmo se mandar de volta o Plan á Consellería e plantarse, e xa piden unha reunión directa co Conselleiro e ata pensan e ir pola vía xudicial.
”Nesas condicións de traballo énos imposible”, sinalan os percebeiros da comarca, destacando que o Plan mete numerosas novas obrigas no proceso de extracción do percebe. O procedemento tería que ser o seguinte: os percebeiros ao saíren das pedras terán que meter un precinto e facer unha pesada no seu vehículo cunha báscula propia, apuntalo nunha app con xeolocalización, e despois pasar outro punto de control na lonxa, onde o vixilante debe estar pendente de corroborar as pesaxes e expedir unha guía para o destino e control de tallas e kilos.
”O de precintar o saco é unha comedia”, critican, pero o peor é que “é unha forma nova para obrigar a cometer infraccións inconscientemente, porque nada máis saír pesas 5kg, ao final van quedar 4,5 porque hai pedras, algas… aí tes xa unha doble infracción, porque non colles o tope e porque enganas a app”.
Outro punto de conflito dase por mor da problemática que teñen en confrarías máis grandes percebeiros de a pé e de a flote, unha situación que non pasa na nosa comarca, pero que seráns os muxiáns, os camelláns, os cormeláns, os laxenses… os que paguen as consecuencias das leas internas de confrarías das Rías Baixas.
Neste sentido, a Xunta controlada en función das condicións meteorolóxicas que vexan dende Santiago se os percebeiros de a flote poidan ou non acceder ás pedras, unha situación na que non están dacordo pois as condicións só se reflexan no mar: “Non é o mesmo 1,2 de mar no inverno que no verán, e non é o mesmo con mareas grandes que con mareas mortas”, explican. “Moitas veces imos a pé, e vemos que non hai tanto mar, volvemos polas lanchas”, sinalan, deixando claro que a partir de agora xa non serán eles os que decidan en función das condicións reais senón que será unha app do tempo a que decida os seus tempos de traballo.
”O peor de todo é que non sabemos en que lle pode beneficiar ao percebe estas leis”, lamentan dende o sector, destacando que se houbese máis inspección, máis control de topes ou máis vixilancia o entenderían, pero con esta medida de feito o vixilante non vai poder estar nas pedras, ten que estar na lonxa recibindo. “Quérennos controlar a través dunha app, pero mellor sería control a través dos vixilantes. Son medidas máis para afogalo que para rescatalo”, critican.
Aproveitan ademais para lembrarlle á Xunta que “non hai quen queira vir para este oficio. Noutros oficios do mar aínda hai relevo a través de persoas peruanas, africanas ou indonesias, pero no percebe somos nós sós os que mantemos o oficio a flote”.