Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Podemos, camiño da Moncloa

Podemos, camiño da Moncloa
Estimacion de voto para as Eleccions Xerais-Fonte-Carlos Neira para AMEGA Podemos sería, a día de hoxe, a forza política máis votada do Estado e faríase coa vitoria nunhas hipotéticas eleccións. Iso, cando menos, é a estimación que fai o analista Carlos Neira sobre o resultado da análise continuada e conxunta dos estudos estatísticos de ata 25 casas demoscópicas que elabora para a Asociación de Medios en Galego (AMEGA). Así, a análise de todas estas enquisas apuntan que Podemos obtería o 26,5% dos votos, e quedaría en primeiro posto. O PP, sería a segunda forza, co 24,4% e o PSOE situaríase en terceira posición, co 22,5%. As dúas grandes formacións do Estado perderían 20 e 6 puntos en intención de voto, respectivamente. Esta análise destaca que se rompería o bipartidismo coa emerxencia de Podemos como gran forza estatal, mentres que outros partidos, coma IU e UPyD manterían os seus resultados actuais, 5,3% e 5,1%, respectivamente. Polo que respecta ás formacións nacionalistas, destaca a suba que experimentan os partidos cataláns e vascos. Así, ERC sobe ata o 2,8% dos votos, uns resultados mellores aos que obtería CiU, que baixaría ata o 2,5% dos votos. “Con todo as enquisas para as xerais aínda non recollen plenamente a recuperación de CiU tras o 9-N, toda vez que nunhas eleccións catalás os de Artur Mas volverían estar por diante de Esquerra, especialmente en número de escanos", apunta o autor do informe. No caso vasco, o PNV seguiría mantendo unha lixeira ventaxa sobre Amaiur; un 1,1% fronte ao 1%, mentres que en Galicia o BNG manteríase no 0,5%, lonxe do 0,76% que obtivo no 2011. A maior parte dos estudos publicados non recollen estimacións de voto para AGE, a coalición que lidera Xosé Manuel Beiras. Este estudo tamén destaca a importancia doutras formacións, como a de Ciudadanos, que aínda que frea o seu ascenso, obtería o 3,2% dos votos. Tamén destaca o 1,2% que sacaría Vox e o 1,1% de Compromís-Equo. Esta análise, coñecida como house effects, consiste en abordar as estimacións de voto de cada unha das fontes demoscópicas sen os "esgos que incorren as cociñas de cada unha delas, separando o ruído ou os desvíos debidos á súa metodoloxía ou ás contaminacións ideolóxicas", apunta o autor, Carlos Neira.

Fonte

Comentarios