Preguntan á Xunta polo desmantelamento dos puntos de Información Dixital dos Concellos
- Carmen R. Dacosta acusa ao goberno galego de adelgazar as listas de emprego de forma ficticia.
![Punto de Informacion Dixital de Emprego de Zas](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/12/16/2024121608563335005.jpg)
Son varios os Concellos (véxase os casos de Santa Comba e Zas) que protestaron esta semana cando a Xunta retirou dos edificios municipais os Puntos de Información do Servizo Público de Emprego en máis de cen concellos do rural galego. Uns puntos Dixitais que serven para que a veciñanza poida renovar a tarxeta paro a través de internet con apoio dun funcionario. Un novo furado na acusada fenda dixital que sufrimos na nosa envellecida comarca.
Sen informar, a Xunta está recollendo estes Puntos, situación que leva ao PSOE a preguntar os motivos. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle ao goberno galego que pare co desmantelamento e critica a “enorme irresponsabilidade” amosada polo goberno galego, que na práctica "está a dificultar a renovación da prestación do desemprego incumprindo as obrigas que figuran na Lei de Administración Dixital. Esta norma recoñece o dereito de tódolos galegos e galegas a garantir o acceso aos servizos dixitais dende calquera punto, tamén no rural, sen discriminación pola falla de acceso a internet".
Adelgazamento ficticio
A responsable socialista sinala que a decisión da Xunta supón un novo chanzo nas súas prácticas contra as persoas desempregadas, “adelgazando de paso as listas de desemprego de Galicia de forma ficticia”. Lembra que esta ofensiva do goberno galego contra a estatística de desemprego comezara en xuño de 2023, cando decidiron eliminar da listaxe a 10.400 desempregadas e desempregados de longa duración.