Reclaman no Parlamento estatal máis medios para a vixilancia aduaneira na Costa da Morte
Como xa anunciaba a semana pasada, o BNG levou ao Congreso dos Deputados, a precaria situación da loita contra o narcotráfico en Galicia e na Costa da Morte. O deputado nacionalista Néstor Rego, rexistrou iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a dotación adecuada de medios materiais suficientes ao Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia. Co obxectivo de corrixir a precaria dotación de embarcacións e medios, a organización nacionalista urxe o Ministerio de Facenda -carteira da que depende a Axencia Estatal da Administración Tributaria, así como o SVA- a que dote de medios materiais e humanos suficientes ao SVA que permitan atender de forma eficaz e eficiente o conxunto do litoral.
“A situación precaria do SVA na Galiza afecta de forma especial á vixilancia da Costa da Morte, pois a base da Coruña estende a súa actuación até Ortegal, Ferrolterra, o golfo ártabro e Bergantiños, mentres que á base de Muros lle corresponde a vixilancia até Fisterra, aínda que, na práctica é a de Vilagarcía quen en moitas ocasións esa actuación, ademais das rías de Arousa e Pontevedra, pola falta de medios na base de Muros” . Isto deixa tramos estratéxicos da Costa da Morte sen cobertura efectiva de vixilancia, a pesar da súa relevancia na loita contra o narcotráfico e outras actividades ilícitas.
“É por esta situación que o BNG reclama unha atención e tratamento específico para a Costa da Morte que garanta que se poida desenvolver o importante labor do SVA de forma adecuada e permanente” puntualiza Néstor Rego.
A base de Muros, obsoleta
Denuncian á antigüidade e deterioro de varias das súas embarcacións, especialmente as destinadas ás bases de Muros e Ribadeo, as cales contan con naves que superan amplamente a súa vida útil.
A base de Muros conta coa embarcación V.A. II, en servizo desde 1985, que debería ter sido substituída hai 25 anos. Esta nave, ademais de ser obsoleta para a loita contra o narcotráfico, representa un perigo para a súa tripulación debido ás constantes avarías mecánicas.
O deputado do BNG lembra que o Goberno ten encargado oito novas embarcacións ao Grupo Rodman, das cales a primeira xa foi entregada para operar no sur do Estado.nEsperan que cheguen algunhas para a nosa comarca.
Por todo isto, o BNG reitera a súa exixencia de que o Goberno do Estado dote as bases galegas do SVA con embarcacións modernas e suficientes para garantir unha vixilancia eficaz e segura en toda a costa galega. "A extensión e perigosidade da nosa costa esixe unha dotación adecuada de medios materiais e humanos que permitan atender, con eficiencia e seguridade para as tripulacións, todo o litoral, en particular as zonas de maior risco", subliña Néstor Rego.