Mércores. 24.04.2024
El tiempo

10 anos de narcotráfico na Costa da Morte

Planeadora dunha descarga na ria de Corme e Laxe
Imaxe da planeadora que os narcotraficantes "esqueceron" no portiño de Niñóns en 2016
10 anos de narcotráfico na Costa da Morte

A raíz do fantástico traballo audiovisual de Sheila Rodríguez chamado “Bateas de Luxo”, puxémonos a repasar os últimos 10 anos de narcotráfico na Costa da Morte.

Un mundo que aínda está moi vivo, a pesar de que como di Víctor Méndez, autor do libro #NarcosGallegos, o máis perigoso é que non hai noticias habitualmente sobre o narcotráfico. As escarpadas rías da Costa da Morte seguen a ser unha das vías de entrada máis seguras de toda Europa, e así o corroboran todos os especialistas.

Antes de repasar ano a ano os eventos máis salientables, compre destacar varias conclusións importantes.

Os cláns máis famosos

O Clan de Neaño e o Clan dos Lulús son, dende os anos 90, os grandes protagonistas do narcotráfico con maiúsculas do narcotráfico na Costa da Morte.

O Clan de Neaño, con casa no medio e medio da vila cabanesa, pero tamén con centro de operacións no Carrizal, Coristanco está a día de hoxe practicamente desfeito, xa con pasos por prisión, onde está agora, Jacinto e Paulino os fillos da matriarca, a “Vella”.

Os Lulús, ou tamén “o Clan do Parido”, é o clan máis coñecido a nivel galego. Sufrían un duro golpe en 2009 coa maior descarga fallida das últimas décadas, a de Arnela, na que caía o se cabeza, Andrés García Gesto, o pequeno dos Lulús que xa caera en 2001 cunha descarga de hachís tamén en Muxía. Seguen operando e a proba son os tiroteos sucedidos en 2012 e 2014 en Aboi, o seu lugar.

O Matriarcado

Destacable é o feito de que dous dos clans máis importantes da zona estean comandados con “xefas” de mais de 80 anos: A Tula, que manda na zona na Colina, Ardaña… en Carballo-Coristanco; e Elisa, “a Vella”, xefa do Clan de Neaño.

As consecuencias: Os puntos do consumo

As consecuencias máis grandes do paso destas cantidades de droga pola comarca son os puntos quentes que levan forneando todos estes anos. Puntos onde o consumo é altísimo, tornando nun verdadeiro problema para a sociedade. Puntos onde o consumo (as entidades sociais avisan de que está volvendo a heroína con moita forza) leva ao delito, e á naturalización da prisión.

A pequena escala, hai numerosos focos de interese: en Fisterra (onde operaba o Canario con total impunidade ata 2009, e Camariñas, hai zonas de gran consumo. Pero as aéreas de maior incidencia son na contorna de Carballo (a Costa, A Grela, o Sixto, o Monte do Carme, A Brea, A Colina…) ou Coristanco (costa do Carrizal…), onde un grupo de familias teñen máis que normalizado o delito, as drogas e mesmo a prisión.

Sucesos acontecidos en 2009-2019 na Costa da Morte

 

Xaneiro 2009: Interceptan 4.000 kilos de cocaína que entraban por Arnela

Eran 4.000 kilos de cocaína os que ían entrar na Costa da Morte, pero a Policía Nacional en colaboración co Servicio de Vixilancia Aduanera, interceptaba a descarga na que pasou a ser a maior operación da historia de Galicia: a Operación Tabaiba
Unha lancha rápida de 6 motores, cargada con 122 fardos de cocaína, estaban descargando a droga en terra firme logo de que a Policía localizara a lancha a 10 millas da praia de Arnela, preto de Loureiro, no concello de Muxía, despois de recoller mercancía dun barco nodriza que zarpou de Venezuela a mediados do mes de decembro.
Os tripulantes, ao seren descubertos, abandonaron a mercancía e emprenderon a fuxida cara o sur. Pararon na zona ribeirense de Aguiño, onde queimaron a embarcación. Os fardos tiveron que ser recollidos da mar por mor da forte oleaxe.

Andrés García Gesto, xefe dos Lulús, foi detido esa mesma mañá pero non seu puido acreditar a súa participación coa descarga na sentenza de 2016.

Xaneiro 2009: A Costa da Morte, o novo porto de entrada da droga en Europa

Ese mesmo ano as investigacións de entidades como a CIG situaban a Costa da Morte como punto de entrada da droga para Europa. Sinalaban daquela que a Costa da Morte está a convertirse no que no seu día foi a Ría de Arousa, que lembremos voi asolagada pola chamada "marea branca" aló polos 80. "Está bastante demostrado que o que antes era a zona de Arousa, con portos abertos coma o de Cambados, a Illa ou Vilagarcía, ... agora deixou o relevo á Costa da Morte", asegura.
"Faltan medios para paralizar a chegada de droga á Costa da Morte, ata que non cheguen os medios para perseguir a droga nada que facer”.

Entre os datos máis destacados, apuntaba que a día de hoxe a droga (sobre todo a cocaína e non tanto o hachís) está máis barato mesmo que nos 90, e que só o 10% da droga que entra é capturada.

Xaneiro 2009: A droga agochada

Unha das lendas máis míticas da Costa da Morte é a do fardo perdido nos montes da comarca. A asociación Antidroga Vieiro alertaba que “ten que haber máis droga almacenada na zona, hai algún alixo depositado nalgunha aldea da zona”.
A Garda Civil xa fixo varios operativos de busca de droga agochada nos montes do Carrizal.
Ademais, hai outra historia, outra lenda veciñal, que conta que unha señora de Cabana atopara nun valado nun piñeiral, con droga e pistolas, cando os membros do Clan de Neaño aseguran que tamén debería haber cartos.

Agosto 2012: Droga, destino Costa da Morte

O buque "SV Nikolay" era interceptado en augas gaditanas polos GEOS con máis de 3 toneladas de cocaína no marco da "Operación Espartana". Unha partida que viña de sudamérica, e que se pensaba descargar na Costa da Morte. Perfectamente podería ter atracado no peirao de Brens (ou nas costas de Muxía onde se prevía o desembarco), pois aquí, presuntamente, contaban coa colaboración dun Garda Civil, o ex mando do posto de Corcubión que leva un tempo destinado en Navarra. Un posto de mando que recolleu o seu fillo, agora no cuartel corcubionés.
Na operación detiveron a 31 persoas, 21 búlgaros e varios colombianos, e o coñecido Garda Civil non foi o único implicado. Un veciño dunha floristería Cee tamén foi apresado como suposto cómplice da trama de narcotráfico. Son en total, 4 os galegos detidos, que xa pasaron a disposición xudicial no Xulgado de Corcubión.

Xaneiro 2012: Tiroteo en Muxía

A pasada tarde de luns 30 de xaneiro estivo manchada de sangue na vila de Muxía. 3 estoupidos na vila da Barca alertaban aos veciños, que de contado avisaban á Garda Civil. Non eran petardos, eran 3 balas que impactaron nun veciño de Os Muíños, xusto diante do seu taller mecánico cando se dispuña a marchar no seu coche.

Decembro 2014: Tiroteo en Muxía

A aldea muxiá de Aboi vivía outro episodio de cine cun tiroteo que deixou unha vítima, o propìetario da casa onde acontecía, e que segundo os veciños e as forzas de seguridade, podería estar relacionado co narcotráfico.

Xaneiro 2015: Detidos 11 narcotraficantes implicados no tiroteo de Muxía de decembro 2014

O pasado 4 de decembro tiña lugar un sospeitoso tiroteo no lugar de Aboi, Muxía. Unha historia que se repetía, igual que acontecía aló por decembro de 2012 nos Muíños. Desta volta as explicacións do tiroteado non foron convincentes para o EDOA (Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga) da Garda Civil da Coruña, que continuou unha longa investigación que remataba onte. O dispositivo policial levado a cabo onte deparou a detención de 11 persoas, 4 delas en Muxía.
Os detidos, supuestamente, forman parte dun grupo criminal dedicado ao tráfico de drogas que operaba nas referidas provincias e que aproveitando ditas actividades, chegáronse a apropiar, mediante engano ou con violencia e intimidación, do diñeiro que lles ofrecían outros traficantes interesados en adquirirlles droga.

Novembro 2015: Alixo de heroína en Carballo

4 quilos de heroína eran incautados en Carballo, a maior do ano, nunha operación que remataba coa Vella Elisa, xefa do Clan de Neaño, en prisión, tras unha disputa no Carrizal na que mesmo chegou a encañonar a un axente.

Maio 2016: Sentenza da Operación Tabaiba

A sentenza da Operación Tabaiba, a descarga fallida de Arnela de 2009, non puido implicar a Andrés García Gesto, pero desvela o traballo dos narcos na comarca.

Xuño 2016: Descarga Arou, e subida de plaenadora fallida en Niñóns

A aparición dunha planeadora de carga de droga nas augas de Ninóns, en Ponteceso volve a situar Galicia, e a Costa da Morte, como importante porto de entrada de droga en Europa. A descarga tivo lugar en Arou, Camariñas, durante a madrugada do sábado 11 ao domingo 12 de xuño. A descarga realizaríase no areal e de aí, diversos coches distribuirían por terra os fardos. De aí os pilotos levarían a planeadora (con 3 motores de 300 cabalos que poden custar 20.000 € cada un) ata o embarcadoiro de Santa Mariña, ao norte de Corme, en plena enseada de Niñóns. A idea sería sacala polo portiño e levala por estrada ata un punto seguro. Pero algo pasou, e a planeadora tivo que quedar esquecida, para ser atopada ao día seguinte.

Agosto 2016: O sarxento condenado

O ex sarxento da Garda Civil de Corcubión Álvarez Otero entrando nos Xulgados de Corcubión acusado de narcotráfico na Operación Espartana, cando a Garda Civil interceptaba un buque en 2012. Foi detido tras unhas gravacións detectadas no Palacín de Cee, bar da súa propiedade. Con el fóra detido tamén un veciño de Cee de orixe venezonala que rexentaba unha floristería. A Audiencia Nacional condenaba ao ex sarxento da Garda Civil de Corcubión a 15 anos e 6 meses de prisión, e a inhabilitación definitiva do seu emprego como funcionario.
Coñecido era de todos os veciños o patrimonio do ex sarxento. Un chalé, carias vivendas, dous bares e un hotel en Cee e Corcubión, outros establecimentos hostaleiros en Santa Comba e Ponteceso, un hotel, coches de luxo… Un patrimonio difícil de entender para un funcionario.
Outro dos puntos máis sorprendentes foi a súa sustición. Chegara en 1995 e en 2010 pediu o traslado a Navarra. Foi aí cando nomearon ao seu fillo como substituto.

Decembro 2016: Aparece degolado un home en Fisterra relacionado co narcotráfico

A noite de xoves 15 de decembro volven a aparecer as pantasmas do narcotráfico pola Costa da Morte. Un home aparecía degollado no seu piso da Anchoa, en Fisterra. O falecido tiña antecedentes por narcotráfico, e mesmo xa estivera no cárcere despois da Operación Canario aló por 2009.

Novas relacionadas

Comentarios