A rede gastronómica provincial de Regueira

Rematou o Congreso Gastronómico A Provincia que sabe @degustacoruna. 3 días de charlas, degustacións e encontros (20 actividades e 35 relatores de diferentes puntos do estado da restauración, formación, comunicación, empresarial, distribución, produción…). cos que a área de Turismo da Deputación da Coruña tivo intención de poñer en valor e visibilizar a calidade do produto da provincia, así como seguir tecendo unha rede singular arredor de profesionais e de produtos locais.
Pivotando na Coruña, o congreso quixo deslocalizarse para destacar o papel do rural e do noso mar, organizando eventos en Betanzos, Fene, Padrón, Boiro ou Carballo. Unha demostración do potencial desta provincia que ten, por exemplo, 5 panandeiros entre os 50 mellores de España, segundo acabamos de comprobar este pasado martes.
A rede de Regueira

Foi no Náutico de Razo onde remataba o congreso, cunha xornada que serviu para ratificar a rede que ten conseguido o vicepresidente da Deputación nestes últimos anos. Ovación reseñable a que recibiu Xosé Regueira por parte do sector cando tomou a palabra para pechar o congreso. Unha demostración do respecto e agradecemento que lle teñen as máis 90 empresas desta familia provincial xerada nos últimos anos, e que andan levando o noso produto de calidade e a nosa sabedoría na cociña por toda a península.
Regueira, un político consensuador e executor por riba de todo, recoñecido mesmo polos grupos políticos doutras cores, ademais de agradecer a todo o esforzo do seu equipo da Deputación, recoñeceu marchar “moi contento, porque escoitei falar estes días do que queríamos falar: territorio, paisaxe, identidade, produto, diferenciación, reto, produto, calidade.” Destacou o “territorio riquísimo, tanto en paisaxe como en produto” que temos na provincia, e deixou claro que “o reto está en crérnolo”, onde “reside a nosa potencialidade”.
O seu discurso, pero sobre todo a recepción por parte dos produtores, hostaleiros e formadores que participan nestes “saraos”, deixan claro que hai, cando menos, unha administración que si aposta polo “produto local de calidade”.
E deixou patente Regueira o seu medo a que se lle tomen estes eventos por “green washing”, a ese lavado de cara de institucións que utilizabn a palabra sustenable só na lírica. “Temos 5 proxectos en marcha en clave de turismo sustentable na área de turismo da Deputación, e 4 son gastronómicos”, sinalou poñendo o foco no desafío da autosuficiencia que se formula na axenda 2030, onde, por exemplo, un tercio dos nosos alimentos, terán que saír do mar.
”Círculo de valor”

Precisamente do mar saían os mexillóns de Boiro ou algas de Portomuíños, pero tamén da nosa terra saíron os chicharróns e chourizos de Chicha Lovers de Santa Comba e Santiago ou as máxicas legumes da Despensa D’Lujo de Coristanco coas que se fixeron algúns dos produtos presentes na degustación do Náutico de Razo, realizados pola parella de artistas da Artesá da Moza Crecha de Betanzos xunto con Iván Domínguez do Nado Restaurante da Coruña.

Toda unha delicia chea de microhistorias que crean un círculo de valor dos nosos produtos, nos que a Costa da Morte ten un papel destacado.
Tamén participou, de feito, Pepe Formoso. O presidente da APTCM fixo fincapé na importancia de "non caer na trampa da desestacionalización", senón máis ben "poñer en valor o produto, na campaña que lle corresponde", deixando a marca de "Meses con R" no oído dos asistentes.
