Martes. 26.01.2021
El tiempo

Silvereira: "Coa madeira é posible facer un producto diferente, con ADN 100% galego"

Juan Lamas no taller de Silvereira
Juan Lamas no taller de Silvereira
Silvereira: "Coa madeira é posible facer un producto diferente, con ADN 100% galego"

Silvereira é unha marca de xoiaría galega que, empregando a madeira como a súa principal materia prima, elabora dende pulseiras, colgantes, aneis, broches ata accesorios e artigos de madeira personalizados. Conta con varios puntos de venta en toda España e tamén en países como Francia ou Alemania. Esta marca que crea, fabrica e distribúe os seus productos dende Galicia, tamén vende online. Na súa páxina podemos atopar diversas colección, onde tradición e modernidade se atopan. Auténticas marabillas que nacen das mans dos artesáns do taller e aportan cor e elegancia aos distintos atuendos do día a día. Para coñecer máis sobre a marca, entrevistamos a Juan Lamas, creador da marca e artífice deste fermoso proxecto.

  • Como nace Silvereira?

Silvereira nace como unha aventura persoal. Despois de traballar durante sete anos nunha tenda de artesanía na zona vella de Santiago, e de facer un curso de Ourivería impartido pola Asociación de Ourives de Compostela, decido deixar o traballo. Durante un tempo percorro España recollendo información, visitando feiras de Xoiería e comprando diversos materiais. Volvo á casa coa cabeza cargada de ideas e con ganas de lanzar a miña primeira colección de xoiería en prata. Comezo a traballar con moi poucos medios e con moita ilusión nun cuarto da miña casa. Pouco a pouco empezan a sair pezas en alambre de prata con acibeche. Fago un mostrario e saio a mostralo polas tendas de Santiago, gustaron e empecei a vender os meus deseños. Aí comenza SILVEREIRA.

  • Que papel xoga a sostibilidade no voso modelo de negocio?

Intentamos mellorar a sostibilidade e coidar o noso planeta causando o menor impacto medioambiental posible. Así, elaboramos un producto atemporal, accesible, duradeiro e fácil de reciclar.
Levamos uns anos traballando coa madeira, foi un descubrimento para nós. Despois de investigar con varios materiais que se puideran cortar con láser, vimos que a madeira tiña moitos recursos, e aí decatámonos de que se podía facer un producto diferente, con ADN 100% galego.

O ameneiro e unha árbore autóctona, atopámolo nas beiras dos nosos ríos. Utilizamos descartes da industria forestal que non sirven para outros usos, dándolle así una segunda vida en forma de xoia a materiais descartados.

Para a preparación da madeira colaboramos con un carpinteiro artesán que conta co certificado PFEC, un certificado que asegura que os bosques sexan xestionados de forma responsable. Nós tamén estamos en proceso de solicitude de esta certificación.
Para nós a sostibilidade vai máis alá, hai varios factores que temos en conta como serían o ecolóxico, o económico ou o social. No ecolóxico centrámonos nun menor uso de plástico, madeira sostible, e menor xeración de residuos. No que respecta ao económico na fabricación rentable con pouca materia prima e producto de cercanía. Por último, non podemos esquecernos do pilar social, contratando traballadores e servizos da comarca.
Por outra parte estamos colaborando con Limpocean, un proxecto galego de recuperación de lixo mariño nas praias e mares de Galicia.

  • Poderías contarnos un pouco como sería o proceso de creación dunha peza? Destacarías o proceso de elaboración dalgunha xoia en especial?

Cada unha das nosas coleccións nace de unha idea inicial plasmada en un bosquexo, a partir daí comeza  o traballo de deseño e desenvolvemento de  cada peza. Moitas das nosas coleccións están inspiradas na tradición e nunha cultura rica e viva como a galega.
Traballamos os deseños no ordenador, facendo distintas probas ata que logramos plasmar a idea que temos. Cando xa lle damos forma e conseguimos definir as 25 ou 30 pezas que van a formar a colección (pendentes, pulseiras, colgantes, broches e aneis), eleximos as cores da madeira que nos parecen máis axeitadas. Temos unha paleta de cores moi ampla feita exclusivamente para nós, tamén utilizamos acabados naturais en madeiras de cereixo, nogueira, ameneiro ou faia.
Logo preparamos as tablas para cortar no láser, conseguindo así os delicados grabados e calados que levan as nosas pezas e que son unha das características máis reconocibles de SILVEREIRA. Despois de cortar a tabla hai que limpala do residuo que poida quedar e quitar peza a peza todos os pequenos anaquiños sobrantes. Por último, as fornituras de prata prepáranse no noso taller; facemos distintos tipos de ganchos e anillas con alambre de prata, aos que lle damos forma cos alicates para adaptalos despois a montaxe final coas pezas de madeira.
Os terminais dos cordóns de coiro e as cadeas para os colgantes tamén se fan no taller. Pódese decir que facemos das mans a nosa principal ferramenta.
Unha das nosas pezas estrela son as pulseiras. En Silvereira facémolas a man, unha a unha, con fío de nylon e peche regulable de macramé. Unha vez que as pezas están montadas e listas para saír poñémolas nun cartón coa nosa marca e empaquetámolas para enviar aos nosos clientes.

Pendentes de madeira de Silvereira

  • Cales dirías que son os valores da vosa marca?

Sostibilidade, diversidade, exclusividade, artesanía e deseño.
En primeiro lugar destacaría a sostibilidade, pois fomentamos a economía circular e a xeración dun impacto ambiental mínimo. Outro valor esencial para nós sería a artesanía, pois empregamos tecnoloxías punteiras sen perder a nosa esencia artesanal.
Tamén destacaría a diversidade, pois temos unha grande cantidade de productos diferentes, variedade de deseños, e cores para tódolos gustos. Relacionado con este estaría a exclusividade da que goza a marca, pois os nosos productos son completamente recoñecibles.
E por suposto, tamén cabe resaltar a importancia do deseño que pon en valor a cultura Galega.

  • Cal foi a colección que máis vos gustou facer? Coincide coa que prefiren os clientes?

Na nosa traxectoria diría que temos dúas etapas:
Entre o 2000 e o 2010 fixemos diversas coleccións, investigando con diferentes materiais como resina, metacrilato, prata ou azibeche. A primeira colección que fixen con alambre de prata e acibeche sempre a lembro dun xeito especial, foi unha etapa moi importante para min.
A partir do 2010 e ata agora podemos chamarlle a “Etapa da Madeira”. A primeira colección que fixemos con esta materia prima sae da necesidade de facer un deseño inspirado no encaixe de Camariñas para participar na “Mostra do Encaixe”. Daí nace a “Colección Tradicional” inspirada nos aderezos e as xoias que se levan co Traxe Galego e nos encaixes de Camariñas.
A pesar do paso do tempo e de todos os cambios, segue sendo unha das colección que máis gustan ao noso público e á que máis cariño lle temos, claro.

comentarios