Só Senda Nova se molla polos nosos ríos
Unha mágoa a falta de implicación da Costa da Morte no Proxecto Ríos, esa iniciativa de Adega para coidar os nosos ríos. Senda Nova, co apoio do Concello de Carballo, foi a única entidade costeira implicada na X Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos. En todo o país foron 20 as accións desenvoltas por máis de 650 persoas, eliminando máis de 8 toneladas de lixo das nosas augas.
Concretamente, unhas 25 persoas colaboraron coa entidade bergantiñá para darlle unha man ao río Anllóns. 25 bergantiñáns que se mollaron pola calidade das nosas augas, e que conseguiron eliminar 150 quilos de residuos. Entre o lixo recollido, destacan as toalliñas de baño, n gran problema nas depuradoras e nos nosos ríos, xa que aínda que poñan que se poden tirar polo baño, nunca o deberiamos facer pois cando chegan as plantas de tratamento chegan como unha gran bola xigante e ao final a gran maioría delas acaban polos nosos ríos e mares.
En todo caso tamén se recolleron numerosos tipos de plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…); rodas de automóbiles, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas….
A cita serviu polo tanto para reflexionar sobre como chega ata ao río todo este lixo.
Unha vez máis, os voluntarios facendo o traballo que debería facer as administracións. En todo caso… santos voluntarios.
Novas relacionadas
- Valarés, espazo libre de unlla de gato.
- 85 voluntarios retiran 200 quilos de pequenos plásticos da praia de Razo-Baldaio.
- Senda Nova presenta a súa revista “Abrindo Camiño”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).