TeGa reclama o servizo de pediatría e de matrona para o centro de saúde de Coristanco
08:12 18/07/18
Durante os meses de xullo e agosto o centro de saúde de Coristanco non ofrece o servizo de pediatría
O grupo Terra Galega de Coristanco - liderado por Amancio Lavandeira - vén de presentar unha moción para debatir no próximo pleno relativa ao servizo de pediatría que se está a prestar no centro de saúde de Coristanco e que ao igual que outras localidades da comarca (Zas, Malpica, Carballo,...) está afectado polos últimos recortes.
Segundo expón TeGa, durante estes meses de xullo e agosto non haberá pediatra en Coristanco debido a que o titular da praza estará de vacacións e logo deberá cubrir unha substitución en Carballo. Isto implica que o usuarios e usuarias deste servizo deberán desprazarse a Carballo durante estes meses o cal, según TeGa, pode supoñer un serio probelema para nais e pais que non dispoñan de vehículo privado e que teñan usar o transporte público da zona coas súas limitacións.
"Independentemente do problema de transporte, parécenos inaceptable esta situación xa que entendemos que a atención sanitaria infantil é un servizo prioritario e irrenunciable polo que os nenos e nenas de Coristanco deberían contar cun pediatra todo ano (as doenzas non collen vacacións)"; sinalan desde TeGa.
Ademais, dende o grupo de Amancio Lavandeira critican que outros concellos da contorna - "cunha poboación sensiblemente inferior á do noso concello" - contan con pediatra e matrona todo o ano. Precisamente desde o ano pasado o centro de saúde de Coristanco carece do servizo de matrona.
Estes son os principais motivos polos que o grupo TeGA quere instar á Consellería de Sanidade a tomar as medidas oportunas para que o servizo de pediatría do centro médico de Coristanco ofreza durante agora e nos vindeiros anos a atención dun pediatra e dunha matrona durante todo o ano.
Novas relacionadas
“Familias e Concello abren unha recollida de firmas para recuperar un servizo de pediatría digno” — Que pasa na costa “O Sergas reduce de 35 a 15 horas semanais o servizo de pediatría en Zas” — Que pasa na costa “O alcalde de Carballo transmítelle ao xerente de Xestión Integrada do Sergas a necesidade de máis pediatras no centro de saúde” — Que pasa na costa “Novos recortes no HVdX ao non cubrir vacantes, que provocarán o peche de camas durante o verán” — Que pasa na costa Fonte- Redacción QPC ([email protected])
- TeGa Coristanco