Martes. 19.03.2024
El tiempo

Un ano de carencias no transporte da bisbarra

Un ano de carencias no transporte da bisbarra
O transporte na Costa da Morte vivíu neste 2007 un episodio que lembraremos por moito tempo. A segregación da empresa Arriva, que cubría as comunicacións da Costa internamente e co resto de Galicia, e varias empresas concesionarias, supuxo un desbaraxuste típico do terceiro mundo, onde os horarios foron un segredo e o servizo unha vergonza durante verios meses. Dende todos os recunchos da bisbarra óense queixas. Falamos dos escolares de Fisterra ou os de Carnota, dos veciños de Ameixenda ou os de Sardiñeiro, das señoras muxianas que teñen que ser traidas para ir ao médico de Cee... etantos outros exemplos que as empresas concesionarias tomaron moi a modo e con pouco interese. Alén da pouca actividade dos concellos para que estes servicios mellorasen de contado. E xa non falamos dos prezos das viaxes. A película da viaxe á Coruña, no que tardas máis de 2 horas logo de pagar máis de 10 euros dende Corcubión, sen ir máis lonxe, case que obrigan a coller o coche para ir e voltar. Sae máis caro ir en autobús que no coche indo un só, e iso non pode ter sentido. E xa non comentamos a cadencia dos buses. Eses domingos que para chegar a comer á costa hai que saír da Coruña ás 9:00 da mañá ou viceversa, teñen moito delito. A necesidade de crear unha rede de comunicación interna eficaz na bisbarra é inminente. Non vale con promocionar os Tes+bus, o Noitebús ou o Chama o bus, que son medidas moi válidas e que por suposto hai que coidar e explotar en todos os concellos. Pero é que ademais se trata de ofrecer unha posibilidade real de comunicación. De que os habitantes da costa creamos posible que o transporte público é unha alternativa, e que a necesidade do coche non é tan real. Así, animamos a cada concello que promocione estes servicios novos que axudan á comunicación, pero non poden servir como única solución a un problema moito máis grande. Deste xeito a creación dun plan de transporte para a nosa bisbarra ten que ser unha prioridade para este ano entrante.
  • Artigo de Ubaldo Cerqueiro publicado no semanario O Acontecer (decembro 2007).

Comentarios