Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un berro polo Parque Natural no Monte Pindo Xa!

Un berro polo Parque Natural no Monte Pindo Xa!

Unhas 300 persoas participaron na marcha reivindicativa para pedir a Declaración do Parque Natural do Monte Pindo. Convocados pola entidade Monte Pindo Parque Natural, xentes chegadas de todo o país partiron da Fervenza do Ézaro para percorrer os 3 quilómetros que os separa da vila do Pindo, camiñando polas faldas do Olimpo Celta.

A marcha desenvolveuse con normalidade no medio de cantos como "Queremos salvar o noso Pedregal", "A xente di que si, a Xunta di que non" ou "Máis inversións, menos intencións". Só a choiva, intermitente pero intensa, fixo que a convocatoria non fose tan grande como se esperaba. Pero así e todo a convocatoria demostra o respaldo que subscita a proposta para dotar ao Monte costeiro con esa figura de protección e desenvolvemento substentable da zona.
I é que a marcha contou co apoio dos alcaldes de Carnota e Dumbría, e foi secundada por destacados persoeiros da vida cultural (como o cantante de Luar na Lubre Bieito Romero ou o poeta Miro Villar) empresarial e político, así como por un extenso listado de case que 100 entidades sociais de todo tipo.

Pero o que non se viu foi moita xente do Pindo. Apenas 10 veciños maniféstanse a favor da declaración, pois o medo a non poder construir ou traballar na zona (a negativa á ampliación da piscifactoría de Quilmas é clave para separar a veciños e entidades conservacionistas) e a referencias políticas (representadas na marcha a modo de bandeiras) atenazan á veciñanza. Unha veciñanza que facía visible o seu rexeitamento en plena Praza do Pindo, mentres Xilberto Caamaño, presidente da entidade, lía o Manifesto, e que pedía que "non viñese xente de fóra a gobernar o noso".
Dende QPC entendemos que se ben os veciños do Pindo son evidentemente os máis afectados, o Monte Pindo é algo que vai máis aló das vilas de O Pindo, do Ézaro, de Caldebarcos, de Mazaricos... mesmo que vai máis alá da Costa da Morte, e que polo tanto a decisión da declaración é algo que se ten que tomar a nivel nacional. Ademais, entendemos que os medos son moitas veces froito da mala información (que non da desinformación) e que a protección do Monte repercutirá non só na saúde medioambiental da zona, se non tamén na económica.

Por que un Parque Natural?

A veciña Merche Mayán fixo un agradecemento, unha por unha, ás case 100 entidades que apoian a declaración. De seguido Xilberto Caamaño, leu un manifesto onde repasou a historia da creación da entidade, e lembrou que foi no 1917 cando, por primeira vez o Estado valorou a posibilida de protexer o Monte Pindo.
Xilberto repasou tamén os desdéns da administración e valorou as razóns polas que a entidade cre na declaración:

  • "Porque o parque natural pode desenvolver medidas necesarias, como a vixilancia, para a prevención de incendios forestais".
  • "Porque o Monte Pindo é un lugar con alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentables, que non poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais, artísticos, culturais e arqueolóxicos".
  • "Porque se poderán crear partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental".

O Manifesto fixo referencia tamén á tese doutoral de Juan Mayor dirixida polo mestre Vidal Romaní, na que se destacan que o Monte está clasificado como punto xeolóxico do estado español, cun total de 8 especies protexidas polo Catálogo de especies ameazadas; e que no referente á vertente humana e social, o monte ten que ser considerado como monumento natural.

Novas relacionadas

Máis novas

Outras novas

Fonte

Comentarios