Venres. 29.03.2024
El tiempo

O vanguardismo musical de Mercedes Peón foi o broche final no Festival Intercéltico de Lorient

facebook_1565608045450
facebook_1565608045450
O vanguardismo musical de Mercedes Peón foi o broche final no Festival Intercéltico de Lorient

Mercedes Peón, unha das cantantes e  instrumentistas máis recoñecidas a nivel internacional no campo da música Folk e cunha das voces máis importantes de Galicia, actuou, poñendo o broche de ouro, nun dos festivais de Folk e música tradicional máis importantes do momento; no Festival Intercéltico de Lorient que se despediu con sabor musical galego da súa exitosa 49 edición o pasado domingo. A forza e a enerxía que os temas vangardistas da artista oriúnda de Oza dos Ríos transmiten no escenario, son un reflexo da súa personalidade. Amante da música tradicional, do rural e o oral, á vez que das percusións sofisticadas, a electrónica e os distintos elementos innovadores, converte a súa carreira musical nunha fusión e innovación constante cunha personalidade intransferible onde a tradición, a electrónica, o pop rock e os sons urbanos funcionan perfectamente ao unísono. Mercedes Peón é vangarda, é esencia pura, é identidade propia e, así o está demostrando en cada un dos escenarios do mundo onde gozaron da consagrada artista. Xunto a Mónica Nut e a Ana Fernández, presentou o seu novo traballo " Deixaas" a pasada fin de semana en Lorient e volverao a facer noutro dos festivais máis importantes de Europa que se celebrará en  Francfort os días 23,24 e 25 de agosto durante a celebración do  Museumuferfest polo que pasarán máis de 3 millóns de persoas. Unha xira intensa cunha axenda repleta de concertos e compromisos musicais na cal deixou un oco para conceder esta entrevista a Alejandra Plaza.

  • A pasada fin de semana presentaches o teu último traballo no emblemático Festival de Lorient pero non é a primeira vez que actúas , verdade? 

Non, é a terceira vez que me programan en Lorient. A primeira vez foi co disco  Isué, con  Ajrú foi a segunda e agora con  Deixaas. Anteriormente,  participei no premio  Mcalan de gaita sendo a primeira  gaiteira que o gaña no ano 91, se mal non recordo.

  • Que sentes ao ser unha das artistas principais de tan inmenso elenco de representantes do panorama musical galego nun festival destas características que, ademáis este ano, está adicado a Galicia?

Síntome contenta por participar e por levarlles unha visión  feminista e de autoestima cultural cunha visión probablemente periférica fora das hexemonías musicais.

  • O público puido gozar do teu novo traballo  Deixaas. Que nos podes contar deste disco?

É unha metáfora no seu conxunto. Un lugar onde conviven os achegamentos meus persoais aos movementos feministas de Galicia;  o achegamento aos espazos sonoros da industria naval e á tensión que existe en calquera construción do que representa a un pobo a través do folclore. Hai momentos onde tentei darlle a volta ao pensamento  colonialista occidental utilizando a lingua galega como lingua  vehicular en contraposición á lingua alemá como lingua  preciosista sen darlle valor ao significado, traendo os poemas de  Sukirtarrami de  Tamil con todo  o seu contido irresistible e, así, crear unha ponte entre a poesía galega e a de  Tamil saltándome as linguas hexemónicas como o español, o inglés etc.

Atoparedes música electrónica, espazos sonoros tratados como volumes onde xorden composicións e un fío condutor  discursivo desde o primeiro instante ata o final. 

Tres músicas en escena como banda base onde a transversalidade artística e a relación de  sonoridade que temos entre nós lévanos a un tránsito sonoro que creo que pode ser de interese e,  por suposto, a enerxía está garantida.

  • É difícil abrir fronteiras coa música galega?

Non.

  • Se miras atrás e tiveses que facer unha autocrítica  cal sería?

Eu son a nivel musical,  creativo e amante de todo o que fago e o que fixen. Máis aló de parecervos  egocéntrica, síntome totalmente privilexiada por poder expresarme nunha lingua abstracta que me dá equilibrio mental e que tamén me permitiu e permíteme gañarme a vida. E con todo  ésto, é un lugar de posicionamento socio político. Non podo pedir máis.

  •  Crees que cambiou moito a esencia da túa música?

A esencia penso que é a partir de uno mesmo e nese sentido sigo partindo do mesmo sitio. O que fixen disco a disco,  tema a tema pero,sobre todo neste último que foi como máis evidente, foi buscar contextos e experiencias que ao mesturarse comigo desen como resultado emocións e  sonoridades novas; e, como sempre, deixei voar a imaxinación para atopar unha coherencia no contedor que explicase a metáfora que xurdía na miña cabeza ao xuntar todos eses lugares de investigación. Por tanto, é novo pero a esencia entendo que sigo sendo eu.

  • Como se vive o papel da muller dentro da música?

Para min non existe ese papel, por tanto, entendo que o que fago é romper con esa categoría. Simplemente non o vivo.

  • Que nos depara o futuro inmediato de Mercedes Peón?

Pois virar con  Deixaas, virar co  projecto “Mercedes  máis  eu” coa coreógrafa Janet Novás e  facer as bandas sonoras de tres películas de ficción coas que xa estou comprometida para os próximos anos .

Comentarios