O vanguardismo musical de Mercedes Peón foi o broche final no Festival Intercéltico de Lorient
Mercedes Peón, unha das cantantes e instrumentistas máis recoñecidas a nivel internacional no campo da música Folk e cunha das voces máis importantes de Galicia, actuou, poñendo o broche de ouro, nun dos festivais de Folk e música tradicional máis importantes do momento; no Festival Intercéltico de Lorient que se despediu con sabor musical galego da súa exitosa 49 edición o pasado domingo. A forza e a enerxía que os temas vangardistas da artista oriúnda de Oza dos Ríos transmiten no escenario, son un reflexo da súa personalidade. Amante da música tradicional, do rural e o oral, á vez que das percusións sofisticadas, a electrónica e os distintos elementos innovadores, converte a súa carreira musical nunha fusión e innovación constante cunha personalidade intransferible onde a tradición, a electrónica, o pop rock e os sons urbanos funcionan perfectamente ao unísono. Mercedes Peón é vangarda, é esencia pura, é identidade propia e, así o está demostrando en cada un dos escenarios do mundo onde gozaron da consagrada artista. Xunto a Mónica Nut e a Ana Fernández, presentou o seu novo traballo " Deixaas" a pasada fin de semana en Lorient e volverao a facer noutro dos festivais máis importantes de Europa que se celebrará en Francfort os días 23,24 e 25 de agosto durante a celebración do Museumuferfest polo que pasarán máis de 3 millóns de persoas. Unha xira intensa cunha axenda repleta de concertos e compromisos musicais na cal deixou un oco para conceder esta entrevista a Alejandra Plaza.
- A pasada fin de semana presentaches o teu último traballo no emblemático Festival de Lorient pero non é a primeira vez que actúas , verdade?
Non, é a terceira vez que me programan en Lorient. A primeira vez foi co disco Isué, con Ajrú foi a segunda e agora con Deixaas. Anteriormente, participei no premio Mcalan de gaita sendo a primeira gaiteira que o gaña no ano 91, se mal non recordo.
- Que sentes ao ser unha das artistas principais de tan inmenso elenco de representantes do panorama musical galego nun festival destas características que, ademáis este ano, está adicado a Galicia?
Síntome contenta por participar e por levarlles unha visión feminista e de autoestima cultural cunha visión probablemente periférica fora das hexemonías musicais.
- O público puido gozar do teu novo traballo Deixaas. Que nos podes contar deste disco?
É unha metáfora no seu conxunto. Un lugar onde conviven os achegamentos meus persoais aos movementos feministas de Galicia; o achegamento aos espazos sonoros da industria naval e á tensión que existe en calquera construción do que representa a un pobo a través do folclore. Hai momentos onde tentei darlle a volta ao pensamento colonialista occidental utilizando a lingua galega como lingua vehicular en contraposición á lingua alemá como lingua preciosista sen darlle valor ao significado, traendo os poemas de Sukirtarrami de Tamil con todo o seu contido irresistible e, así, crear unha ponte entre a poesía galega e a de Tamil saltándome as linguas hexemónicas como o español, o inglés etc.
Atoparedes música electrónica, espazos sonoros tratados como volumes onde xorden composicións e un fío condutor discursivo desde o primeiro instante ata o final.
Tres músicas en escena como banda base onde a transversalidade artística e a relación de sonoridade que temos entre nós lévanos a un tránsito sonoro que creo que pode ser de interese e, por suposto, a enerxía está garantida.
- É difícil abrir fronteiras coa música galega?
Non.
- Se miras atrás e tiveses que facer unha autocrítica cal sería?
Eu son a nivel musical, creativo e amante de todo o que fago e o que fixen. Máis aló de parecervos egocéntrica, síntome totalmente privilexiada por poder expresarme nunha lingua abstracta que me dá equilibrio mental e que tamén me permitiu e permíteme gañarme a vida. E con todo ésto, é un lugar de posicionamento socio político. Non podo pedir máis.
- Crees que cambiou moito a esencia da túa música?
A esencia penso que é a partir de uno mesmo e nese sentido sigo partindo do mesmo sitio. O que fixen disco a disco, tema a tema pero,sobre todo neste último que foi como máis evidente, foi buscar contextos e experiencias que ao mesturarse comigo desen como resultado emocións e sonoridades novas; e, como sempre, deixei voar a imaxinación para atopar unha coherencia no contedor que explicase a metáfora que xurdía na miña cabeza ao xuntar todos eses lugares de investigación. Por tanto, é novo pero a esencia entendo que sigo sendo eu.
- Como se vive o papel da muller dentro da música?
Para min non existe ese papel, por tanto, entendo que o que fago é romper con esa categoría. Simplemente non o vivo.
- Que nos depara o futuro inmediato de Mercedes Peón?
Pois virar con Deixaas, virar co projecto “Mercedes máis eu” coa coreógrafa Janet Novás e facer as bandas sonoras de tres películas de ficción coas que xa estou comprometida para os próximos anos .